«Nunca se sanearon as rías e se isto non se corrixe ímolo pagar todos»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Carmela Queijeiro

O dirixente incide no interese que ten a súa confraría por mellorar e buscar o maior rendemento para o seu produto

16 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva quince anos como patrón maior de Noia e afirma que lle gusta saír a faenar e estar atento a todo o que sucede no mar porque é o seu medio de vida dende que era rapaz. Recoñece que manter a produtividade dos bancos que administra a confraría require de moito traballo e prefire ser prudente, lembrando sempre que circunstancias externas, como a toxina ou os temporais, poden levar ao traste unha campaña marisqueira que inicialmente se presentaba como boa. Hai dúas semanas que os 1.600 profesionais que traballan nas concesións noiesas iniciaron a actividade e, pese a que as cotizacións non foron inicialmente tan altas como se agardaba, ve a situación de forma positiva.

-Eran conscientes de que nos bancos non había tanto bivalvo coma o ano pasado, pero si agardaban maiores prezos, ¿está decepcionado?

-En absoluto. Esperabamos menos capturas e as cotizacións que hai son similares ás do ano pasado, salvo no berberecho de primeira categoría, que ten menor prezo. Estamos contentos porque a xente está collendo os topes, especialmente a flote. As mariscadoras de a pé teñen maiores dificultades, pero tamén os están conseguindo. Capturan tamén bastante ameixa xapónica, que está a 9 euros o quilo. Se non fora pola redución de capturas que decidimos para que aumentaran un pouco os prezos, o bivalvo vendido sería superior ao da campaña anterior. Os compradores teñen feitos os seus cálculos e hai que axustarse.

-A comercialización directa do produto permitiríalles ter maior control sobre o prezo.

-Iso véxoo difícil porque teríamos que ter depuradoras e conserveiras. Teríamos que ter o apoio das Administracións e da Unión Europea para montalas. Nós estamos mantendo o semillero, que nos supón un gasto moi elevado. É certo que somos unha confraría con moitos ingresos, pero temos moitos gastos e arrastrábamos unha débeda moi elevada. Temos que subsistir sete meses que non traballamos sen ter ingresos porque non hai extracción.

-¿Considera que falta un maior grado de profesionalización no conxunto das confrarías?

-Penso que non, pero si considero que os socios deben implicarse máis na limpeza e na vixilancia, porque a confraría somos todos. Ás veces algúns entorpecen o labor, pero son unha minoría. Nunha confraría sempre hai cousas que mellorar e corrixir. Dá moito traballo durante todo o ano e non podes baixar a garda.

-A entidade que dirixe promove un traballo que busca determinar o elemento diferencial do berberecho. Non é a primeira ocasión na que impulsan estudos para poñer en valor o bivalvo e a ría, ¿consideran que coas ameazas existentes non chega con poñer no mercado un bo produto?

-Hai que protexer a ría e os bancos marisqueiros e evitar que poida vir xente de fóra a privatizalos. A confraría de Noia sempre quere avanzar, mellorar e progresar, actualizarse. A Federación Galega tiña que unir máis ás confrarías e facer un bloque común para que teñan máis forza. Non debemos esquecer que son o principal motor do emprego. Se falta o produto das rías sería unha catástrofe.

-Os pósitos, xunto a outros colectivos vinculados ao mar, uníronse contra o anteproxecto de lei acuícola, ¿teme que a Xunta retome agora o plan?

-Agardamos que non, estamos rotundamente en contra e así o manifestou todo o mundo. O presidente deu a súa palabra de que se o sector o rexeitaba non se levaría adiante a lei acuícola e confiamos na súa palabra. Sería un auténtico desastre para as rías. Estaríamos falando da aparición de enfermidades foráneas.

-Pero si parece evidente que existe un interese de grupos alleos ao sector tradicional por explotar as rías.

-O interese parece existir, pero o sector ten que estar á expectativa, pendente do que acontece.

-A estes problemas hai que engadir os da etiquetaxe.

-Niso tamén hai fraude porque vén produto de fóra e moitas veces non se especifica. As etiquetas deberían poñer concretamente de onde procede o marisco para que o consumidor o saiba.

-Vostede ten alertado en reiteradas ocasións sobre a necesidade de sanear as rías, ¿é para vostede o principal motivo de preocupación?

-Nunca se sanearon as rías e se isto non se corrixe ímolo pagar todos, toda a sociedade. Ese é o maior problema e unha materia pendente dos partidos de todas as cores. Pedímoslles que se corrixa esta eiva e que se controlen os vertidos porque todo vai parar ao mar. Deberíamos ter maior calidade da auga e ímolo sentir se non se fai algo. A contaminación está aí e non pode ocultarse. Chegará un momento no que as rías non poderán soportar máis contaminación e os políticos non toman en serio esta cuestión. Xa tivemos varias reunións por este asunto. Corremos o risco de que as zonas de traballo se clasifiquen como C, e tamén incide nas toxinas. Se o marisco puidera venderse directamente, sen ter que pasar por depuradora, collería máis valor.

-Por se todo o anterior fose pouco, tamén está o problema do furtivismo. A reforma da lei non está dando os resultados desexados, polo momento.

-Hai que ser máis incisivo cos reincidentes, con aqueles que son profesionais do furtivismo. Eu non vexo que haxa contundencia. En Noia temos unha vixilancia estrita. Nós non chamamos á Policía Autonómica, preferimos contratar a persoal e non chamar á Administración. Si é certo que no inicio da campaña veñen os Gardacostas e agradecémolo moito porque fan un bo traballo. O que está claro é que se deben tomar medidas porque hai persoas que se dedican profesionalmente a coller o marisco das praias de forma ilegal. Non serve de nada botalos hoxe porque regresan ao día seguinte. A confraría noiesa fai fincapé nos labores de control e neste momento temos uns vinte vixiantes que se encargan de supervisar os areais. O resto do ano temos uns nove, pero os profesionais do pósito tamén fan controis cando remata a tempada.