Patrimonio perdido

Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

15 oct 2016 . Actualizado a las 05:10 h.

Cando se viaxa, hai que visitar as igrexas, porque sabendo a quen se lle reza sabemos a quen se lle teme, di sempre Xulio e eu repito aconsellando a amigos e familiares, porque a historia de calquera lugar é sempre unha historia de medos e sentimentos máis ca de vitorias ou arroutadas. E así, se na Barbanza lle hai unha especial devoción á Nosa Señora do Loreto, hai que pensar máis no medo ós piratas do século XV e XVI ca na patroa da aviación. Onde lle teñen unha maior querencia a santa Rita de Casia hai que pensar máis nas viúvas de vivos ca nunha mística resignada, e se San Roque ten particular veneración nos portos de mar, só é porque era por onde máis doadamente entraba a peste. Á fin, as iconografías parroquiais falan máis da súa parroquia ca todos os tratados de historia e economía que citemos. Pois foi que esta semana pasada, levados pola curiosidade, decidimos visitar unha aldea perdida no interior, cunha igrexa de estrutura románica, adulterada por múltiples amaños de dubidoso gusto e respecto, con intención de contemplar unha virxe que lle fai cóxegas ó Neno. Pero estaba pechada. Segundo unha veciña porque o cura leva sete parroquias e hai moitos ladróns. Axiña lembrei a última vez en que fun tratado de terrorista anticlerical, cando entrei a ver unha capela co meu macuto de explorador e una señora me increpou para saber que levaba e que buscaba dentro do templo.

Ó final, se quixemos ver a virxe das cóxegas, houben de agardar a que se oficiase a misa das sete da tarde, asistindo como un devoto máis, para poder admirar esa e outras iconografías coa complicidade do crego que me viu moi atento ós oficios e logo me examinou de haxiografía. E xa coa confianza, falamos dos problemas de conservación do patrimonio, e dos sistemas de recadación para restauración e mellora; pero unha das preguntas que non foi quen de contestarme, agora que está tan estendido o de cobrar entrada nas catedrais, foi cantos deses cartos van para mantemento dos bens de uso público e cantos para a banca vaticana.

Lembrei que na pasada primavera denunciouse a través da prensa o caso dunha igrexiña abandonada de Burela que está perdendo as súas pinturas murais góticas por falta de mantemento, pero sobre todo, por mor desa falta de atención e uso que obriga a tela pechada durante meses, sen que a abran ó menos para ventilala, co que a humidade e o mofo están facendo estragos nela. E Xulio, convencido de que a Igrexa só é usufrutuaria dun patrimonio pertencente ó pobo, sexan fieis ou netos de fieis, non vería mal que certas igrexas e capelas pasasen a ser propiedade dos concellos, e que se financien con actividades culturais periódicas que redundarían na súa conservación. Non hai mellor acústica para escoitar música ou unha conferencia ca unha igrexa. E botade contas de canto se aforraría en ladrillos para tanto auditorio que pulula polo país co único fin de branquear mordidas.