Oito voces para falar das revoltas sociais

O centenario dos tráxicos sucesos de Cans dá pé ao ciclo de charlas sobre as formas de protesta que comeza no Son


Casa de cultura de Porto do Son • Hoxe • 17.00 horas • Mañá • 10.00 horas • Xosé Ramón Veiga Alonso será esta tarde o encargado de abrir o congreso que baixo o epígrafe Avances históricos e recursos didácticos sobre movementos sociais e formas de protesta no centenario da revolta de Nebra terá lugar en Porto do Son. O profesor titular de Historia Contemporánea na Facultade de Ciencias da Educación da USC ofrecerá un relatorio titulado Protesta social, ensino e historia. Unha perspectiva xeral e propostas didácticas no marco da historia política do século XX.

Logo collerá a palabra Herminia Pernas Oroza, profesora de Historia no ensino secundario, para falar de Mulleres e protesta social na Galicia contemporánea. Perspectivas xerais e propostas didácticas. Sobre este mesmo tema da conflitividade en feminino abundará tamén a mestra Raquel Iglesias Estepa. O seu relatorio preséntase baixo o título A protesta xudicial das mulleres na Galicia de finais do antigo réxime.

Despois das charlas previstas para esta primeira xornada, os participantes desprazaranse ao museo Marea para visitar a exposición Vivir da terra. Loita do campesiñado galego, formada por unha ducia de paneis con información e fotografías sobre a transformación que sufriu o agro galego a través das iniciativas de colectivos de campesiños.

Segunda xornada

Para mañá quedarán pendentes outras cinco conferencias. O primeiro en intervir será Antonio Presedo Garazo, profesor de Historia Moderna na Universidade de Vigo, co relatorio Do movemento irmandiño ao motín de Sargadelos. Seguiralle José Manuel Vázquez Lijó, técnico do Marea e profesor de Historia Moderna, que disertará sobre A pegada social das levas de mariñeiros na Galicia do século XVIII. Logo, María Xosé Vázquez Lojo, máster en estudos contemporáneos pola USC, falará da revolta de Cans.

Xa pola tarde, os relatorios sobre Xénese e evolución do asociacionismo obreiro e mariñeiro, a cargo do doutor en Historia Bernardo Máiz; e Mulleres, industrialización e protestas sociais, da man de Luisa Muñoz, profesor titular de Historia Contemporánea na USC, pecharán o ciclo.

Antes do peche do congreso, dirixido a mestres de ensino secundario pero aberto ao público en xeral, terá lugar a proxección dos documentais Galicia agrícola e Lires 1969. O acto de clausura será en Cans, diante do monolito en lembranza das vítimas, coa presenza de autoridades e familiares.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Oito voces para falar das revoltas sociais