O libro que destapa a cruenta realidade

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

m. creo< / span>

Detalla o ocorrido en Cans hai cen anos, sucesos silenciados durante moito tempo

14 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A idea de publicar un libro sobre os tráxicos sucesos ocorridos en Cans no ano 1916 levaba varios anos bulindo pola cabeza de Manuel Mariño del Río, un mestre sonense afeito a escudriñar no pasado do municipio, pero decidiu facer coincidir o lanzamento da obra co centenario daqueles feitos. Dar a coñecer o acontecido, non só naquel 12 de outubro, senón nos meses anteriores, co maior luxo de detalles posible foi desde o comezo o seu único obxectivo.

Non agocha a satisfacción que sentiu a tarde do mércores, cando presentou o volume nun ateigado local veciñal de Nebra, aínda que empeza a sentir o temor de que quizais, no futuro, el ou outro teñan que mergullarse nunha redacción dos feitos más ampla. Recoñece que, no seu caso, foron poucos os documentos oficiais que atopou sobre o suceso, polo que tivo que reconstruír a historia baseándose, fundamentalmente, na prensa da época. «Penso que algo máis pode aparecer e oxalá no futuro teña acceso a información á que non cheguei. De feito, xa teño enriba da mesa o teléfono dunha muller disposta a achegarme datos», explicou o autor.

Con esa segunda edición na mente, Mariño del Río si da por cumprido o reto que se fixou cando empezou a recompilar información sobre o tema: «Quería encher un baleiro que había na historia de Porto do Son, lograr que a veciñanza coñecera polo miúdo aquilo que se escoitaba, pero do que ninguén quería falar». Como escudriñador do pasado que é, o escritor ten claro que a historia, boa ou mala, non se pode silenciar: «Este foi un proceso que se xestou ao longo de moitos anos. Aqueles tráxicos sucesos puideron ocorrer aquel 12 de outubro ou varios meses antes, o que estaba claro é que a revolta ía ter lugar».

Máis de 30 feridos

Ao longo dos varios anos que Manuel Mariño se pasou obtendo datos que lle permitiran reconstruír este anaco da historia, foron moitos os descubrimentos que lle ocasionaron grande impacto. Un deles, o incendio intencionado que sufriu a casa consistorial de Porto do Son co fin de destruír documentos oficiais e outro, o elevado número de feridos cos que concluíu aquela revolta, máis de trinta, e os obstáculos que tiveron que superar para chegar ao hospital. «Segue a poñerme os pelos de punta pensar que aquelas persoas, algunhas con dúas balas no corpo, foron trasladadas primeiro ata a praia de Aguieira, de alí ata Noia en traiñeira e logo de novo por terra ata o coche de liña que os levou a Compostela», relata o escritor.

Con este son xa vinte os libros que Mariño del Río ten publicados sobre Porto do Son, e iso que recoñece que ten «serias dificultades» para atopar apoio. Tradicións, costumes, entroido, Semana Santa, cruceiros, igrexas e petróglifos son algúns dos temas que o escritor tratou no pasado e sobre os que segue a traballar no presente. De feito, a súa gran pretensión é sacar á luz tres volumes sobre o municipio. Un, xa rematado, estaría vinculado á xeografía, mentres que os outros dous recollerían a historia e o patrimonio.

A historia é o campo de traballo por excelencia de Manuel Mariño, pero na súa produción literaria figura tamén unha novela. Trátase dun traballo para nenos que xira ao redor da evolución que sufriu o galego ao longo dos séculos.