Xerardo Agrafoxo foi profeta na súa terra co seu novo libro

O historiador noiés abriu a tempada de actos da asociación cultural Barbantia presentando «Viaxe á última revolución»


RIBEIRA / LA VOZ

A Asociación Cultural Barbantia abriu en Noia unha nova tempada de actividade tralo descanso estival, e fíxoo poñendo como protagonista a un dos seus fundadores, o historiador noiés Xerardo Agrafoxo, que ven de publicar o libro Viaxe á última revolución. E contou no acto cun convidado especial que sempre que pode se achega ás presentacións mensuais da entidade que preside Suso Laíño, trátase de Víctor F. Freixanes, director da editorial Galaxia, o que non foi casualidade, xa no só pola afinidade, senón tamén porque o libro saíu das súas imprentas.

Se o motivo e os protagonistas eran relevantes, o aforo no que se celebrou non o foi menos, pois tratouse do coliseo Noela, inmoble que ten o seu risco para facer a presentación dun libro porque precisa moita asistencia para que non se note a sensación de baleiro. Pero Xerardo xogaba na casa, na súa terra, na que é profeta, como se puido ver nas ateigadas butacas.

O acto comezou e rematou con sendas intervencións da escola de danzas noiesa Oitos, dirixida por Verónica Martínez, que chamou a atención tanto pola calidade dos seus bailes como polo colorista vestiario.

Víctor Freixanes, na súa intervención, destacou a amenidade do libro, que supón, nada máis nin nada menos, que a vixésimo primeira obra de Agrafoxo, contando ensaios e didácticas. Por outra banda, subliñou a capacidade de escoitar aos cubanos e de ver a Cuba real por parte do autor, o que se deduce da lectura de Viaxe á última revolución, así como a mestura na visión do historiador e do narrador.

Vídeo de Xogaina

Pola súa banda, o escritor noiés, axudado por un vídeo montado por Suso Xogaina coas imaxes que Xerardo Agrafoxo tomou ao longo do seu percorrido dun mes de duración pola illa caribeña, sinalou os dous éxitos da revolución cubana, como son o ensino e a sanidade, pero tamén os aspectos negativos actuais, como as dificultades económicas, a falta de liberdade de expresión e os problemas do transporte.

Ao remate, o autor asinou libros a todos aqueles que o adquiriron e interesaron unha dedicatoria, que non foron poucos nun acto no que se deron cita numerosos representantes do movemento cultural barbancés e dirixentes sociais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Xerardo Agrafoxo foi profeta na súa terra co seu novo libro