Riqueza emerxente

XULIO GUTIÉRREZ

BARBANZA

A auga fría das nosas praias favorece a calidade do marisco

01 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En todos os ámbitos da vida hai feitos que parecen independentes pero que, en realidade, están intimamente relacionados. Sen entrar en disquisicións metafísicas sobre este inquietante feito, pasemos a un exemplo gastronómico e oceanográfico: a asombrosa calidade do marisco galego e as baixas temperaturas estivais da auga das nosas praias.

Durante o verán, a temperatura da auga é moito máis baixa en Galicia que nas rexións próximas, como as costas asturiana, portuguesa e cántabra. Non é infrecuente escoitar lamentacións de turistas primeirizos que, acostumados a praias doutras latitudes, non aturan os baños tonificantes que disfrutamos os autóctonos.

Entre os meses de marzo e outubro, o anticiclón das Azores sitúase no medio do Atlántico Norte, ao tempo que a borrasca de Islandia se debilita. Como consecuencia, prodúcense frecuentes ventos de compoñente norte, como o famoso nordés: un vento que sopra do nordeste, paralelo á costa, e con máis intensidade precisamente durante os meses de verán. Como todos os ventos, o nordés vese afectado pola rotación terrestre (o efecto de Coriolis) que altera a súa dirección e faino xirar cara ao oeste.

Este vento arrastra as augas superficiais da costa mar adentro, cara ao océano, e aquí chega o milagre que nos fai tan afortunados desde o punto de vista gastronómico: as augas frías e profundas do océano Atlántico vense obrigadas a ascender para ocupar o lugar das augas mornas e superficiais arrastradas polo nordés. E, conforme ascenden, elevan toneladas de nutrientes (principalmente nitratos e fosfatos procedentes da descomposición da materia orgánica do océano) que se encontraban depositados no fondo do mar.

Fenómeno costeiro 

Este fenómeno, que os oceanógrafos chaman «afloramento costeiro de augas profundas» dáse tamén nalgunhas costas occidentais de Perú, Chile, Marrocos, Sudáfrica, Nova Zelandia, California, e algunhas zonas polares.

Vén sendo como un proceso de fertilización natural da plataforma e das rías galegas que permite unha elevadísima produción do ecosistema. As algas microscópicas utilizan a enorme cantidade dispoñible de nutrientes para medrar de forma exponencial, do cal se beneficia toda a cadea alimentaria: os moluscos, crustáceos e outros animais pequenos comen algas, os peixes pequenos comen moluscos, os peixes grandes comen peixes pequenos e nós comemos todo o que se nos poña por diante.

O efecto da temperatura vai aínda máis lonxe. En rexións tropicais, o marisco medra moito e moi rápido pero o seu sabor é menos intenso -pensemos nas enormes lagostas caribeñas que aparecen nos documentais televisivos-, mentres que nas rexións moi frías o marisco medra moi de vagar, polo que a vianda é saborosa pero moi pequena.

Equilibrio perfecto

Aquí dáse o equilibrio perfecto porque a velocidade de crecemento é suficientemente lenta para que adquira o sabor óptimo e suficientemente rápida para que adquira o tamaño comercial perfecto.

Por todo isto, cando no verán escoitemos a alguén queixándose do fría que está a auga deberiamos dicirlle que este feito, evidentemente incómodo, trae aparellada unha das nosas grandes riquezas, o marisco que poderá degustar despois do baño.

Batea en construción na praia de Mañóns (Abanqueiro-Boiro) FOTo JESÚS SUÁREZ ARES