Río Arlés, na parroquia de Artes

ISABEL SANTOS

BARBANZA

01 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das nove parroquias de Ribeira, Artes, que posúe Museo de Gravado e Museo Etnográfico, fai honra ao seu nome porque nela diversas artes teñen presenza e interese, e algo sempre se está a mover neste rebuldeiro e inquedo lugar. Pero a etimoloxía achéganos a outros topónimos de significado semellante: Ucha, Rebordecovo, O Barco, Dorna, Arteixo, e incluso o noso aguiñés Couso. Todos eles teñen a semellanza orográfica da «concavidade», a «ladeira»; en definitiva, «forma de caixa ou artesa». Dita forma tamén a posúe Artes, que pode gardar no seu nome esa base preindoeuropea co significado de «val» *ar ou *ara, altamente detectable en Aragón, Aranjuez, Arán, Aranda e Arlés, lugares relacionados con ríos e vales. Precisamente, o río de Artes chámase Arlés, igual que a fermosa cidade do sur de Francia, situada tamén preto da corrente dun río: o Ródano. Tan romana, tan ligada a artistas, tan semellante, paisaxisticamente, a unha «hucha ou artesa». Non nos veñen mal estas artesas de cultura para amasar e acubillar o noso patrimonio.