«Barbantiarte» empeza a cobrar forma

La Voz

BARBANZA

marcos creo

Todos os creadores interesados en sumarse á mostra, que se quere abrir en outubro, poden presentar obras

27 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Abrir as instalacións á sociedade e ofrecerlle aos artistas un lugar axeitado para exhibir as súas obras foron os retos que se marcaron o Museo do Gravado de Artes e a asociación Barbantia cando puxeron en marcha Barbantiarte, unha exposición colectiva que pretendía ser o gran escaparate artístico da comarca. Despois de catro exitosas edicións, a iniciativa xa se da por consolidada, pero os seus promotores aspiran a que siga medrando.

Tanto o museo como a entidade cultural están xa traballando na organización da quinta edición de Barbantiarte. O obxectivo é que a apertura da mostra teña lugar o vindeiro mes de outubro. Desde Barbantia explican os obxectivos desta exposición: «Queremos que apareza representada a arte que se fai na comarca nos nosos días e darlle maior difusión aos artistas da zona, de forma que compartan escenario as grandes figuras recoñecidas e os creadores noveis». Engaden que a iniciativa pretende servir de espazo de encontro e de debate.

Diferentes disciplinas

Ao igual que ocorreu nas pasadas edicións, a idea é que nesta mostra colectiva teñan cabida as diferentes disciplinas artísticas, desde pintura ata escultura, pasando por fotografía, deseño, gravado, banda deseñada ou calquera outra. Non existe medida nin temática establecida, pero desde a organización solicítase que cada autor presente unha soa obra.

O que se fixo para darlle cabida a todos os creadores interesados foi abrir unha especie de prazo de inscrición. Aqueles que desexen sumarse á quinta Barbantiarte poden poñerse en contacto coa directora do museo de Artes (teléfono: 981 871 342 e mail: fundartes@gmail.com) ou con Pastor Rodríguez (pastor@barbantia.es).

Ademais da obra, os artistas participantes teñen que enviar una fotografía e unha ficha da peza en cuestión para a inclusión no catálogo, así coma un breve texto sobre a mesma.