Unha «noveliña» para a reflexión

Ramón Ares Noal
x. noal RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

D. GESTOSO

O palmeirán adéntrase sen piedade nin censura na lacra da violencia machista

12 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai grandes obras da literatura universal que se len por obriga, como se fose imperdoable pasar pola vida sen coñecelas, aínda que, ao longo da lectura e ao seu remate, non quede no corpo un aquel, un sentimento, nin frío nin calor, cero graos, parafraseando un chiste malo. E despois atópaste con traballos humildes que non saen á procura de gloria, senón de facer algo, servir de denuncia e reflexión para arranxar este mundo imperfecto. Algo así fixo Xosé Plácido Betanzos coa súa obra Bágoas na chuvia, un pequeno libro co que vén de percorrer a comarca facendo presentacións e que, cando rematas de lelo, no corpo queda ese aquel, gañas de facer algo para mellorar a sociedade, que é un pouco o leitmotiv da vida do autor, como demostrou noutros traballos, na súa forma de ser.

Plácido recoñeceu que esta nova «noveliña» estaba escrita dende hai catro ou cinco anos, pero a trama é de plena actualidade, porque é un problema perenne da nosa sociedade, que é a violencia machista. Explicaba o autor, lonxe dos focos da última presentación que tivo por escenario Boiro, que, pasado un tempo co orixinal gardado nun caixón, cando o releu non puido evitar algunha bágoa como a que da título á obra: «É un tema moi duro. Está escrito cunha dureza importante, porque desgrazadamente é un fracaso social de todos, un fracaso de toda a sociedade. Que haxa mulleres que estean sufrindo tanto, ninguneadas, machucadas dentro da casa e que se vexan sempre nunha situación insostible».

O autor falou dos protagonistas da noveliña: «Rosa non se quería porque ninguén a ensinou a quererse. Era unha muller cunha autoestima moi feble; unha muller que desde pequeniña sobrevaragara todos os estigmas da muller que, desgraciadamente, despois de tantos anos, aínda continúan vixente». De Xermán, o marido, dixo sen reparos: «É un auténtico “sinvergüenza”, o típico tío que se sinte máis forte, máis reforzado mentres está machucando á súa muller, mentres está facéndoa sufrir. Un personaxe autenticamente detestable».

Sen pretensións

Da súa obra, o autor sinala: «Esta noveliña non ten pretensións intelectuais, porque eu non son intelectual, eu son un home do común que quita cousas de dentro e que as bota fora, porque ultimamente o das mulleres é algo que me doe moito. Creo que estamos un pouco enfermos e entre todos temos que poñer coto a estas situacións porque o maltrato é algo que está aí e non se pode agachar detrás da porta. A xustiza ten que ser un pouquiño máis dura, hai que endurecer as leis. Á muller fáiselle caso cando está morta, e xa é tarde».

Xosé Deira fixo unha interesante intervención para, na súa condición de catedrático de Filosofía, referirse á Bágoas na chuvia, empregando como referencia a Sigmund Freud e as súas teorías polas que foi apartado da psiquiatría, no ano 1928-29, por teorizar sobre o home histérico, irracional e inconsciente.

Falou tamén Raquel Suárez, concelleira do BNG de Boiro, indo á raíz do «femenicidio» ao que se refire a obra de Plácido Betanzos, que non é outra que o patriarcado da sociedade. Felicitou ao autor pola novela e convidou ao público a lela.

O alcalde de Boiro, Juan José Dieste, tamén redundou na lacra social que supón a violencia machista e referiuse sen complexos á necesidade de que as Administracións poñan todos os medios para combatela.

o LIBRO

«BÁGOAS NA CHUVIA»

Xénero: Novela

Editorial: Fervenza

Páxinas: 126

O autor: Naceu en Palmeira no 1952, é profesor de Tecnoloxía no IES Leliadoura de Ribeira. Foi concelleiro do BNG na corporación de Ribeira entre 1992 e 2002