Luis Oujo: «A romería de Loreto sempre está marcada no calendario»

A. Parada

BARBANZA

MARCOS CREO

O rexedor sonense ensalzou a festividade do Carme como un momento de reencontro e unión dos veciños

08 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os numerosos quilómetros de costa que bordean Porto do Son constitúen dende sempre unha vista que fai que os seus habitantes nunca esquezan o nexo que este concello mantén co mar. Quizáis por iso as festas que se celebran nestas datas co motivo da honra á virxe do Carme -patroa dos mariñeiros- sexan aceptadas practicamente por unanimidade como a gran cita festiva da vila e de todas as súas parroquias. O alcalde sonense, Luis Oujo, profundizou neste feito á vez que fixo un repaso das vindeiras xornadas.

-¿Que significa realmente para a poboación de Porto do Son a festividade da virxe do Carme?

-A xente do mar de Porto do Son involúcrase moitísimo, pero xa ven de antigo. Sempre nos preguntaban por que a festa da virxe do Carme é en setembro. Pois porque aí acababan a tempada os nosos mariñeiros e era cando aproveitaban para arranxar as redes e aparellos; e celebrar a festividade. Na actualidade, máis dun 80% dos habitantes de Porto do Son vive do mar.

-¿Cal foi a evolución desta cita nos últimos anos?

-Que chegase a contar con cinco xornadas. Dende que entramos en 2011, intentamos encher cada día o máximo posible. Temos que agradecerllo á comisión de festas que traballa arreo durante todo o ano. Agora parece que a situación económica mellorou, pero lembro que houbo un momento no que barallamos reducir os días. A xente de Porto do Son nunca o tería entendido ou nolo tería permitido.