Ameazadas polo patriarcado

Ramón Ares Noal
Moncho Ares CRÓNICA

BARBANZA

04 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O venres pola noite tiven o pracer de participar na presentación do libro Bágoas na chuvia, escrito polo palmeirán Plácido Betanzos García, un mestre especialmente querido polos seus alumnos, un home que dignificou a política nos dez anos que estivo de concelleiro en Ribeira, unha gran persoa, desas que non abondan. A súa nova novela está baseada nun caso de violencia machista, de maltrato dentro das paredes dun fogar que pode pasar desapercibido para os veciños, o que o agrava pola dificultade para encontrar axuda.

Estas lamentables situacións son, sen dúbida, consecuencia dunha sociedade dominada polo patriarcado que dexenera no sometemento das mulleres, incluso pola forza. E ese mesmo patriarcado é extensible tamén a determinados aspectos do caso de Diana Quer, a rapaza madrileña que leva desaparecida dúas semanas e do que, supoño, xa estarán ao día do rastrexo e da investigación, e digo que ten relación porque non foron nin unha, nin dúas nin tres as conversas nas que saíu a frase: «Unha filla non pode andar soa por eses sitios e a esas horas». A frase non ten o suxeito en feminino porque a afectada sexa muller, senón porque así é como pensa a maior parte da nosa sociedade. Non diría o mesmo se se tratase dun home. Non falta razón á hora de sinalar que unha muller non pode andar por determinados sitios e a certas horas, porque realmente están ameazadas non xa por desaprensivos que non respectan nin a vida mesma, senón por esa forma de pensar que as pon en grao de inferioridade.

É sintomático que cando o desaparecido é home a preocupación troque en expresións incluso graciosas sobre, por exemplo, a aventura da que estará gozando nun país caribeño, salvo evidencias que apunten a algo máis grave, e incluso hai estudos que confirman que se producen moitas máis desaparicións de homes que de mulleres, pero unha boa parte das que afectan aqueles nin se chegan a denunciar.

Queda moito que loitar para superar o patriarcado e non vale con resignarse con que é unha herdanza que superaremos co tempo e non facer nada máis que esperar. Plácido Betanzos, por exemplo, toma partido nese obxectivo a través do seu novo libro.

Mentres unha muller non poida andar soa por determinados lugares e a certas horas en igualdade de condicións que un home permanecerá o desequilibrio social e seguirán producíndose lamentables situacións, o que non quere dicir que Diana Quer fose vítima dunha delas; oxalá que non, e que todo remate coa súa aparición como consecuencia dunha decisión voluntaria, pero estamos tan habituados ás noticias de violencia machista que nos tememos o peor.