Eses pobres velliños...

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

25 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En teoría, son un dos máis débiles desa cadea que conforma o conxunto da sociedade. Pola súa idade, e polo momento histórico no que lles tocou vivir, porque tiñan sorte se podían ir un par de anos á escola para aprender a ler e a escribir, están máis expostos que outras persoas a ser un branco fácil para estafadores de todas as pelaxes, xa sexan cacos de pouca monta ou directores de bancos. E os demais acostumamos sentir unha mestura de pena e tenrura por eses pobres velliños aos que sentimos tan indefensos nun mundo que cambiou tan rápido en tan pouco tempo que moitos xa nin o recoñecen.

Pero eses pobres velliños son un exemplo, a diario. Non só polo que poidan ensinarnos os maiores que cada un temos na casa nin por ter superado unha vida chea de penurias coa que poderían darnos á maioría unha manchea de leccións sobre o que é sobrepoñerse ás dificultades. Esa xeración é tamén exemplo en algo co que a maioría deles non medraron: a defensa dos seus dereitos.

Falo, por poñer dous exemplos que son moi próximos nesta comarca, de preferentistas e emigrantes retornados. No primeiro dos casos había afectados de todo tipo, pero na súa inmensa maioría eran persoas maiores que depositaran os aforros de toda unha vida de traballo no seu banco sen sospeitar que os traizoarían daquel xeito. Durante meses, mantiveron unha resistencia numantina encerrados no salón de plenos de Boiro, organizáronse e non desistiron nas súas reivindicacións ata que lograron unha solución.

Dende hai preto de tres anos, que xa hai que ser constante, son os emigrantes retornados os que puntualmente, chova ou quente o sol, saen á rúa como mínimo unha vez ao mes. Son persoas de setenta anos para o norte que cos seus achaques se desprazan a Ribeira, a Santiago ou a onde faga falta para pedir un trato xusto por parte de Hacienda á hora de tributar polas pensións que cobran dos países aos que marcharon un bo día coa incerteza de non saber o que lles esperaba nin como lograrían abrirse camiño sen ter nin a máis mínima noción doutros idiomas. Pero fixérono, saíron adiante e agora deberían estar gozando da súa xubilación.

Saen á rúa polo que é seu, si, pero tamén o fan por dignidade e por solidariedade. Moitos dos afectados que hai na comarca xa teñen renunciado a reclamar xudicialmente o que lles corresponde, vense maiores para afrontar o esforzo que iso supón, pero continúan na loita poñéndose detrás dunha pancarta para apoiar aos seus compañeiros. Igual que os preferentistas que seguiron encerrados despois de que se resolvera o seu caso. Son un exemplo, e as xeracións criadas na democracia e a abundancia deberiamos tomar nota.