Estraños no Barbanza

Juan Ordóñez Buela AO FINAL DO TÚNEL

BARBANZA

05 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

TLévanme en coche por unha case deserta estrada comarcal galega camiño de pico Muralla. Pouco antes de entrar no Confurco vemos camiñar pola beirarrúa, diante de nós, a un marroquí cargado de alfombras. ¿Como chegou tan lonxe este home solitario na súa procura inútil dunha oportunidade para vivir mellor? ¿Ou é que camiñaba á aldea de Millón para ver se se lle pegaba algo? Nin o idioma, nin os costumes, nin a mentalidade da xente, nin o paisaxe bucólico sequera o axudan o máis mínimo. No país da morriña, el debe estar morrendo de nostalxia pola súa terra e familia.

Pobreza e problemas políticos (todo vai unido) empúxanos cara o que lles parece o paraíso da abundancia. Eles non saben que temos parados e pobres que xa se contan por millóns. Pero xa están fartos de sufrir estreitezas. O problema de pobreza é así: como non nos decidimos a botarlles unha man na súa propia casa, veñen para a nosa. ¿Pero que se pode facer? ¿Hai para todos, para eles e nós? Se é así (e segundo os entendidos parece que si) non podemos rexeitalos. Pero preséntase a espiñenta cuestión de se estamos dispostos a compartir con eles o que temos. O problema é ineludible. Haberá que buscar unha solución e deberá ser global, de todos os países comunitarios.

Fálase de regular e alcanzar as correntes migratorias, de programas de acollida... A tan cacarexada nova orde mundial debería ser tamén moral. Non hai outra saída. Chegou a hora de que os países ricos e pobres se dispoñan a traballar xuntos, como iguais, para saír da lameira, para que non ocorra o de Estraños na Barbanza.