Tres horas de apoteósica Jran Ópera

Miles de persoas seguiron o concerto final da singradura número 68, que situou máis de cen artistas no escenario


Ribeira / La Voz

Que razón tiña Xurxo Souto cando ao fío das once da noite do domingo aludía á Jran Opera Dorneira do ano pasado coma un «ensaio» e anunciaba que a que estaba comezando sería a apoteose dunha noite histórica para Ribeira. Difícil saber cantos miles de persoas ateigaron o Malecón da cidade, pero si se lle pode poñer número aos 120 artistas que se situaron enriba do escenario para culminar a singradura número 68.

A Real e Ilustre demostrou que aínda ten capacidade de sorprender cunha actividade de recente creación, a Jran Ópera Dorneira, pero que xa está entre as grandes da folla de ruta das peñas; mentres que Ribeira confirmou, como dixo o gran Souto, que é un pobo de artistas, un laboratorio musical. A Coral Polifónica Municipal, con Enrique Paisal á batuta, foi a encargada de quentar os motores dun espectáculo que non deixou a ninguén indiferente.

Arroupados por unha banda creada para a ocasión, foron desfilando Tonhito de Poi, Tama, os rapeiros da cidade que levaron consigo a reivindicación de festivo local para o 25 de xullo, Miguel Mariño ou Javi Maneiro, con quen chegou a primeira marea viva de aplausos e botes. É que, se algo quedou claro, ademais de que a Dorna é a festa por excelencia, é que os Heredeiros da Crus seguen a ser os máis grandes. Nin David Bowie nin Prince, que tamén estiveron presentes a través de coñecidos temas, foron quen de facerlle sombra aos membros da mítica banda ou a aqueles artistas, como Thais ou Carlos Mariño, que elixiron as súas cancións para a Jran Ópera.

Xite de Carlos Mariño

O ambiente foi in crescendo a medida que avanzaba a noite. Á vez que subía a marea de dorneiros no Malecón, o espectáculo ía a máis. A versión do Ghaiteiro dos Diplomáticos adaptada por Tahúme ou o Miña terra galega de Siniestro Total na voz de Susana Sampedro desataron un delirio que xa facía pensar que o final estaba preto. Pero aínda quedaba o mellor. Carlos Mariño regresaba ao escenario como compositor do Xite Dorneiro, un certame organizado para elixir unha canción que fora representativa da festa, e conseguía que todos coreasen Eu son dorneiro de pro.

Cando faltaba pouco para que as agullas do reloxo marcaran as dúas da madrugada chegou a apoteose. Ancoradoiro, con Pepe Romero á fronte, saía a escena para interpretar un tema en solitario e porlle despois música a Suso Bello. Á banda tradicional uniríanse o resto de artistas que foran desfilando ao longo da noite para, liderados por Lola de Ribeira, entoar o Himno da Dorna. Xurdiu entón a escena única e irrepetible de miles de persoas, pañoleta en man, pedíndolle forsa á Dorna, vento en popa, con jalerna ou en calmada que non se sabe no mundo dunha festa máis rachada.

Chegaba entón para algúns, despois de tres horas de apoteose, o final da 68 singradura. A outros aínda lle faltaban bares por percorrer e rúas que ateigar antes de arriar a pañoleta. Xa falta un día menos para que soe de novo o avante sardiñeiro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Tres horas de apoteósica Jran Ópera