Sacrificio cero na bisbarra

Paula Riveiro / A. G.

BARBANZA

CEDIDA

Unha entidade recolle tapóns para obter fondos para coidar a mascotas abandonadas

21 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O abandono de animais é unha práctica que se incrementa na época de vacacións. A asociación Callejeros Barbanza actúa en beneficio da sociedade e sen ánimo de lucro para loitar contra esta situación. Recoller animais da rúa e buscarlles un fogar é unha das accións principais que desempeñan os seus membros.

Promoven tamén outros labores, como proporcionarlles aos cans que rescatan uns servizos veterinarios, como operalos de cataratas, curarlles doenzas ou subministrarlles vacinas. Todos estes coidados teñen un prezo ao que os voluntarios non poden facer fronte e, para sufragar estes custes, están levando a cabo unha campaña de recolecta de tapóns de plástico de botellas. Os beneficios que acadan mediante esta iniciativa van destinados a pagar estas atencións que se lles prestan aos cans en situación de abandono, pero no caso de que fora preciso axudar a algún neno con algunha doenza especial destinaríanse a esa finalidade.

Mediante os ingresos que obteñen buscan investir na contratación de adestradores que ensinen ás persoas que adoptan un animal os coidados específicos que cada raza precisa. Un 60% dos abandonos prodúcense por descoñecemento do trato que deben levar xa que, como ben afirma unha das integrantes do grupo, Cheché Comojo: «Adoptar un animal non consiste só en darlle de comer ou proporcionarlle cariño». O que buscan con esta iniciativa é instruír aos cidadáns que queren ter unha mascota sobre os seus coidados, que uns ensinen a outros e así sucesivamente. Pretenden crear unha cadea de colaboración e axuda aos animais para concienciar do seu trato e lograr o sacrificio cero.

Entre os proxectos que pretenden levar a cabo na comarca está, precisamente, a inversión en información para concienciar á xente da situación de adoptar un animal e crear campañas de sensibilización para que o abandono e o sacrificio de mascotas cheguen a desaparecer. Para logralo buscan a implicación dos distintos concellos da comarca, para que en cada un se elaboren plans de sensibilización locais nos distintos colexios e institutos.

Creación de refuxios

Crear refuxios de animais en cada municipio é outra das accións que buscan levar a cabo xunto cos concellos. Tal e como está a situación actual, se unha mascota se perde nun municipio, esta pode aparecer en calquera outro. Mediante esta iniciativa, o que se pretende é que o servizo estea mellor localizado xeograficamente e non se dean estes casos. Defenden tamén que a creación de deste tipo de refuxios vai axudar a evitar o abandono, xa que as mascotas poderán ser levadas a estes lugares en vez de ser deixadas na rúa. Estes animais vivirían en boas condicións mentres estiveran nese lugar e, mediante estes espazos, tamén se facilitaría o proceso de adopción.

Colonias de gatos

Dende a asociación promoven tamén no Barbanza o control das colonias de gatos da rúa mediante a recolecta destes animais que viven en liberdade para proceder á súa castración e evitar que se reproduzan sen control. «Recolleríanse tamén as femias que van ter crías e estas daríanse en adopción», comenta Comojo. Ademais, a entidade busca a instalación de casetas vida, uns comedeiros controlados para alimentar aos gatos sen fogar. As chaves teríanas as persoas que lles dan de comer. Con isto o que se busca é que a alimentación se realice de xeito controlado e evitar que se lle dea comida aos gatos en diversos puntos e, sobre todo, impedir o seu envelenamento.

Dende o colectivo loitan tamén por un cambio na lexislación, concretamente nun endurecemento da lei, sobre todo no que respecta á situación de animais que viven ao aire libre para que estes teñan unhas condicións dignas.

Dende Callejeros Barbanza buscan acabar co abandono e o sacrificio de mascotas apostando pola sensibilización e a concienciación da sociedade. Por iso Cheché Comojo fai un chamamento para que todos os cidadáns colaboren.