«Ribeira xa conta cun banco de perrucas para doentes de cancro»

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

carmela Queijeiro< / span>

Chefa Pérez impulsou este proxecto pensando na xente sen recursos que se atopa en tratamento

02 jul 2016 . Actualizado a las 13:56 h.

Chefa Pérez non é unha perruqueira calquera. A ribeirense colabora activamente coa delegación local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) e fixo do seu negocio, a Academia Yara, un pequeno cuartel onde dispensa as armas necesarias para que as mulleres en tratamento se sintan máis fortes na batalla do día a día.

-¿Como empeza a súa colaboración coa asociación?

-Hai moitos anos que empecei a involucrarme. O meu pai morreu de cancro e sempre tes familiares ou persoas no teu entorno afectadas. Tiña ganas de colaborar coa asociación porque viñan mulleres pola academia preguntando por perrucas e as tiña que mandar fóra, posto que en Ribeira non había onde conseguilas. E, ademais, preocupábame que houbera xente que quedara sen elas por non ter recursos.

-De aí a idea de poñer en marcha un banco de perrucas.

-Xusto. Xa podemos dicir que Ribeira conta cun banco de perrucas para doentes de cancro. Son perrucas doadas que se lle prestan durante o tratamento ás persoas que non teñen medios para comprar unha. Actualmente xa hai cinco perrucas, hixienizadas e peiteadas, listas para ser utilizadas. Aínda non se fixo o primeiro préstamo, se cadra porque hai moita xente que aínda non sabe que existe esta iniciativa, pero estou segura que hai moitas persoas que o necesitan.

-¿Quen é a xente que as doa?

-Basicamente, mulleres que no seu día estiveron a tratamento e que xa non as utilizan. Dende aquí gustaríame animar á doazón, non só de perrucas, tamén de panos ou turbantes; e que os cidadáns saiban que existen varios puntos de recollida. Un dos sitios onde se poden deixar é na nosa academia, onde estou encantada de recollelos.

-Esta non é a única iniciativa que puxo en marcha nos últimos tempos pensando en facerlle o día a día máis agradable ás mulleres con cancro, ¿non si?

-Tamén se levan a cabo gratis talleres de oncoestética. Neste momento están asistindo catro persoas e están moi contentas, aínda que espero poder ampliar o servizo en setembro para chegar a máis xente. Neles aprenden a verse máis guapas: dende como maquillarse ou poñer un turbante, ata coidados específicos da pel, e mesmo cómo arranxarse as cellas, aquelas que as teñen. Ademais, serve para que se coñezan entre elas e para verse ben a si mesmas.

-Busca reforzar a estima propia.

-Así é. Pequenos xestos, coma pintar os beizos vermellos, axuda a verse ben e, psicoloxicamente isto é fundamental. Cando saen do hospital contan con moi pouquiñas pautas sobre coidados, regras moi xerais, e aquí dánselles consellos máis específicos, coma que no inverno durman coa cabeza tapada ou non abusar dun xampú. Ves verdadeiras barbaridades que fan, coma exfoliacións, porque intentan verse como antes ou por descoñecemento. O outro día, por exemplo, atendín a unha muller que viña de rematar a quimioterapia e quería coloración no pelo, cando hai que esperar polo menos dez meses para facelo.

-¿Recibiu algunha formación para dar estes servizos?

-Estiven preparándome en tratamentos capilares e comecei logo, de forma máis específica, cos dirixidos ás persoas con cancro. Fixen cursos de tricoloxía oncolóxica, que aborda as alteracións do coiro cabeludo e do cabelo. Cada ano asisto a dous ou tres cursos. O último, foi hai un par de meses en Madrid e aproveitei a viaxe para comprar perrucas.

-¿Para o banco?

-Non. Sempre ando buscando formas de recadar o máximo de diñeiro, porque todo este traballo o poño do meu peto. A idea que tiña agora é que vender perrucas solidarias entre a xente que as poda pagar e que un tanto por cento da venta vaia para a xente que non ten como sufragar os tratamentos. Tamén pensei en traballar gratis un día... Ideas hai moitas, o que me falta é tempo para levalas a cabo.

Como optar ás perrucas do banco. A delegación ribeirense da Asociación Española Contra o Cancro coordina o banco de perrucas, o cal está a disposición dos solicitantes no seu local