¿E si nós optásemos polo «barsa»?

Ramón Ares Noal
Moncho Ares CRÓNICA

BARBANZA

24 jun 2016 . Actualizado a las 05:10 h.

Hai tempo que temos claro que todo está perversamente controlado. Pouco se pode facer sen as bendicións impostas por un ser superior. E o peor é que resulta imposible loitar contra el e o seu contubernio, fagas o que fagas. En Europa manda quen manda, e non hai nada que se poida discutir. O poderío crematístico pesa máis que a audacia, que o xogo limpo e, incluso, que a honestidade: «Eu teño a pasta e son eu o que marca as pautas. E ti, cunha migalla de vez en cando, vas que te matas». Tampouco beneficia ser nacionalidade histórica, un simple recuncho no mapa do Vello Continente. E se, por casualidade, algún cheíña acerta a discutir a supremacía imposta, sempre aparecerá algo que decantará a contenda cara ao mesmo lado, de forma que eles sempre estean por enriba, e os demais, loitando por encontrar un equilibrio que o sistema nega a partir incluso dun suposto proceso xusto.

Estamos fartos de inxustizas, de que nos quiten a nós para darllo a outros, de que nos utilicen como moedas de cambio, pero pensamos, en ocasións, se non será mellor achantar e ir tirando, gozando con algunha daquelas migallas que nos dan de vez en cando, que enfrontarse a ese sistema incomprensible, porque non acabamos de percibir o beneficio de ser dirixidos a distancia por un método máis semellante ao do sheriff de Nottingham que o de Robin Hood, polo menos, en aparencia; polo menos, en resultados, salvo que finalmente chegue o día do xiro copernicano e lle deamos a volta á historia de forma que acabemos conseguindo unha igualdade que parece afastada.

Hai trinta anos que se puxeron os cimentos que deberían ter conseguido cambiar o estatus. Algo se conseguiu, pero mirando o balance de éxitos e fracasos, temos máis motivos para seguir alporizados que para sentirnos satisfeitos. A xustiza debe prevalecer cando as cousas se fan ben, e as cousas estaas facendo ben a base, con traballo, compromiso e dedicación, pero sempre se valora máis o poderío económico, a capacidade para mercar vontades que o esforzo.

Os ingleses puxeron en marcha o «brexit», que é a abreviatura de British exit (salida Británica) da Unión Europea. Seguindo o mesmo criterio, os barbanceses teriamos motivos bastantes para montar o «barsa» (saía de Barbanza) da UE, esa estrutura que, dende que formamos parte dela, van alá máis de tres décadas, sentímonos prexudicados constantemente pola sistemática erosión dos cimentos económicos deste territorio, no que cada vez hai menos barcos, menos vacas, menos futuro, menos esperanza.

¡Ah! ¿E logo pensaban que lles estaba a falar de fútbol? Pois xa lles digo que todo parecido é pura coincidencia.