Floridablanca

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

23 jun 2016 . Actualizado a las 14:10 h.

n destes días Rajoy fixo un mitin en Tudela, un concello da Comunidade Foral Navarra famoso polos seus produtos hortícolas, entre eles as alcachofas, que aquí, polo sureste peninsular, chaman alcaciles. Con isto pretendeu proxectar unha imaxe de gran defensor do eido rural, algo moi arredado da realidade, como ben llo poderían manifestar os gandeiros de Mazaricos, os comuneiros do Barbanza ou todo o esquelético tecido agropecuario, pero moi impropio dunha persoa con raíces na parroquia de Berdoias.

As enquisas din que o PP vai recuncar resultados aínda que eu penso que acadará algúns deputados máis, non tanto por méritos propios como por deméritos dos contrincantes, fundamentalmente do PSOE, pero tamén polo temor, moi xustificado, a Unidos Podemos, co que a táboa de salvamento para conformar un goberno estable pasará porque Ciudadanos, providencial, complete os escanos necesarios, pero tampouco podía entender como un home como Mariano acadase tanto rexeitamento ad hominem, ata topar cunha plataforma chamada Floridablanca.

Entendía eu que en España, agás Vox, xa ninguén reivindicaba o espazo liberal inspirado nos principios humanistas, pero mentres quede algún rescaldo de xente responsable, como na devandita plataforma, hai esperanza para España e quizais ata pode ser interesante que os «podemitas» se retraten nas institucións. Do que estou convencido é de que este impasse foi a mellor escola de aprendizaxe para que a poboación se decatase da transcendencia que a política ten, e máis aínda para entender o que as diferenzas ideolóxicas supoñen.