«O monte non é noso, nós somos parte do monte, un activo máis»

O relevo xeracional trae novas filosofías á xestión do terreo en man común


Ribeira / La Voz

Apunta Alberto Pego, presidente da comunidade de montes de Posmarcos, na Pobra, que ese modelo asembleario que proclama a nova política non é, nin moito menos, novo, leva décadas aplicándose en entidades como a que el encabeza xunto cun equipo de cinco persoas desde hai tres anos. Sen embargo, que o concepto veña de vello non quere dicir que non haxa marxe para a renovación, e o relevo xeracional que se está a producir en algúns colectivos da bisbarra está a introducir novas ideas e novas filosofías sobre a xestión do territorio, que, no caso de Posmarcos, Pego resume en poucas palabras: «O monte non é noso, nós somos parte do monte, somos un activo máis».

Esta é a base das motivacións que, un bo día, levaron a Alberto Pego e aos seus compañeiros a presentar a súa candidatura para coller as rendas da asociación sen ningunha experiencia neste tipo de tarefas: «Vivimos nunha aldea na que o monte está moi presente, sempre tiven unha relación moi estreita con el».

Así que a natureza forma parte practicamente da súa xenética, e a iso uniuse que o labor na entidade está a resultar moi gratificante. Tanto que Pego tamén está presente na xunta rectora da mancomunidade Serra do Barbanza e na organización galega, de maneira que pode falar da situación dos comuneiros con coñecemento de causa: «O gran problema non é a falta de unidade, na sociedade hai un grande descoñecemento do que é o monte veciñal e iso é un lastre. O maior problema é que non somos coñecidos, nin pola sociedade nin polos partidos políticos, estamos en campaña e ninguén fala do monte».

Diversas xornadas

Isto enlaza cun dos grandes proxectos que ten en carteira a xunta rectora da comunidade de Posmarcos. Problemas de saúde que tiveron ao presidente afastado do monte varios meses retrasaron a posta en marcha dunha iniciativa que deron en chamar Descubre o monte en man común e que ten o xerme no interese do equipo directivo por acabar con ese descoñecemento do que fala Pego.

O primeiro paso xa o deron cunha xornada sobre os medios de extinción de incendios e as actividades que desenvolven a través dos campamentos de verán, nos que procuran «que os rapaces saiban onde están, que é o monte comunal e como funciona». Neste sentido teñen previstas novas actividades relacionadas con distintas cuestións, como as especies autóctonas ou as enerxías renovables e que esperan poder levar a cabo, se non é neste mandato, no seguinte.

Pero para dar a coñecer o terreo veciñal, Alberto Pego cre que hai que dar pasos en outros ámbitos: «Habería que comezar por cambiar a lei. En España non está recoñecida a propiedade en man común, fálase da propiedade privada colectiva, pero non ten nada que ver. O monte é noso non polo feito de ter, senón por estar, non é algo que poidamos mercar. Un comuneiro non ten nada, forma parte do monte e todo é de todos».

Os lumes forestais

Dentro desta filosofía da concepción e a xestión do territorio hai outra máxima moi interesante que se aplica en Posmarcos: «Nós sempre dicimos que os incendios apáganse no inverno».

Reinvisten o 58% dos beneficios que lle reporta a superficie que xestionan porque «ao monte non só se lle pode quitar, tamén lle hai que dar» e teñen a dúas persoas traballando de xaneiro a xuño en tarefas de limpeza e desbroce co fin de previr os lumes: «Preocupados polos incendios estamos sempre, pero creo que estamos preparados».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«O monte non é noso, nós somos parte do monte, un activo máis»