O alento que esixía a narrativa galega leva a firma de Manuel Gago

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

m. creo

Este activista cultural estréase no xénero de ficción co «O anxo negro», unha novela negra cun armazón de datos históricos

19 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Prometemos que non iamos falar do seu activismo cultural, nin da súa defensa do patrimonio galego, nin da súa actividade como xornalista e profesional da docencia universitaria», o que Manuel Bragado, editor de Xerais, estaba a presentar no acto de Barbantia do venres, nas instalacións do Club Náutico de Ribeira, era o debut de Manuel Gago no xénero narrativo a través da publicación de O anxo negro.

Cando a pluma do escritor foi arrincada desa rara avis, que é o talento en tempos difíciles para a literatura galega, unha columna sabe a pouco. Por esta razón, os lectores asiduos a Vermello contra o mar (o seu espazo en La Voz de Barbanza) poden estar de celebración. As 500 páxinas desta novela negra debuxan un engrenaxe perfecto dun armazón de datos históricos, cubertos co velo da ficción, que teñen como punto de partida o roubo da imaxe dunha santa nunha pequena vila na Galicia dos oitenta.

As bases

Para comprender as bases desta historia hai que retroceder aos numerosos cambios introducidos pola igrexa católica tralo Concilio Vaticano II, que neste país foron interpretados como unha sorte de patente de corso, para que se vendesen no mercado negro numerosas pezas do patrimonio eclesiástico. Gago, historiador cos pés na rúa, percorreu múltiples parroquias para tirar do fío aos seus veciños.

«Non existían denuncias dun delito global e quizais non o podía demostrar como xornalista, pero quizais podía recoller todas esas historias e crear unha novela», explicou o autor, dunha narración que funciona como un paseo por diversas épocas e escenarios que funden o rigor histórico coa tradición oral, ata o punto de suxerir un affaire romántico entre un nobre galego e María Estuardo, raíña de Escocia.