Emprendedores a tres mil quilómetros do fogar

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedidas< / span>

Ánxela Vázquez e Andrés Sanmartín crearon a delegación húngara dunha punteira empresa que está a cambiar o modelo de guías turísticos

20 jun 2016 . Actualizado a las 10:14 h.

«Vas morrer de fame». Esta foi a lapidaria frase que os coñecidos lle entregaban a modo de consello a Andrés Sanmartín Sampedro (Carreira, 1991), cando decidiu que estudaría historia en primeiro da ESO. Ao remate do instituto, Ánxela Vázquez Andrade (Carreira, 1991) tomaba a mesma decisión sen pensar nunha futura oferta laboral. O primeiro nexo entre eles foi o motor que condicionou a súa elección, en palabras de Sanmartín: «Se queres comprender o presente, tes que entender mellor o pasado».

Na actualidade, aquel principio simbolízase nun eco dos emigrantes galegos, que abandonaron o fogar para buscar fortuna no estranxeiro. Mais esta vez, preparados dabondo para desempeñar un cargo de responsabilidade. O dúo foi contratado pola empresa internacional White Umbrella Tours -que está revolucionando o modelo do sector dos guías turísticos en capitais europeas como Praga e París- para poñer a andar a súa delegación en Budapest, Hungría.

Títulos e maletas

A pesares de que pertencen á mesma parroquia ribeirense, Ánxela Vázquez e Andrés Sanmartín forxaron realmente a súa amizade en Santiago de Compostela, na facultade de Xeografía e Historia. Cando comezaron a carreira debían levar unha fotografía antiga e deuse a casualidade de que a elixida era a da comuñón, onde aparecían os dous.

Dende ese instante, acabaron sendo compañeiros inseparables. Durante o transcurso dos estudos ningún deles barallara nunca a posibilidade de marchar do país, xa que apostaban por un futuro como docentes obtendo o máster de Formación de Profesorado (o antigo CAP). No caso de el, tamén o de Estudos Internacionais da USC. Pero por moi ampla que sexa a formación alcanzada, as empresas non se rifan aos historiadores. Ou iso era o que eles pensaban ata que se aproximou o verán do 2014.

Andrés Sanmartín levaba un tempo dándolle voltas a unha proposición que lle chegara a través dunha amizade. Unha nova empresa estaba despegando -White Umbrella Tours- e necesitaba dúas persoas de confianza para establecerse en Budapest. Non o pensou e ao outro lado da liña Vázquez descolgaba o teléfono.

«Ao primeiro díxenme: non podo deixar todo e irme. Pero entendín que era unha oportunidade que debía aproveitar», explicou a ribeirense que recibía a nova pola mañá e pola tarde disparaba a resposta. Mentres a meirande parte de Ribeira despedía a Festa da Dorna o 24 de xullo, a preto de 3.000 quilómetros de distancia, os dous amigos estreábanse como managers desta empresa turística no corazón de Hungría. Pero non foi tan sinxelo como instalarse e traballar.

De turistas a guías

Os primeiros meses eles foron os turistas. Quitando os coñecementos sobre o imperio austro-húngaro e un puñado de datas, ningún coñecía os secretos da cidade. Así que se botaron a facer outros tours e a recoller minuciosamente cada detalle valioso. Podería dicirse que White Umbrella Tours só acepta perfís dos titulados que menos demanda teñen no noso país. Especialistas en historia do arte, historiadores e ata arquitectos son os gremios dun exército de guías sobradamente preparados.

Ademais, a responsabilidade dos seus profesionais vai máis alá, posto que se encargan da estrutura organizativa, e por suposto, da elaboración de rutas que sexan distintas ás tradicionais. Deste xeito, das súas mentes saíron rutas como o tour do Danubio que engadiron para poder explicar a parte sur da cidade ou o tour dos bares de ruína.

Este último funciona como un paseo por edificios que teñen entre 100 e 200 anos e que trala caída do muro de Berlín foron convertidos pola xuventude en pubs, o que provocou unha estampa de locais nos que os asentos poden ser dende os de perruquerías aos de coches: «A xente pensa que este modelo se iniciou en Alemaña, pero foi exportado de aquí», explicou Sanmartín.

Nunca se quedan na superficie, indagan na actualidade como a recente polémica da praza da Liberdade, onde se erixiu un monumento que identifica a Hungría como vítima do nazismo, tendo sido colaboracionista. Esa é diferenza de escoitar a historia de alguén que a ame de verdade. Ao fin cumpren ese desexo.