«Os galegos temos algo inherente a nós, que é a terra e a tradición oral»

Xosé Duncan afirma que escribe as historias que lle gustaría vivir


Existe unha paisaxe mítica, fantástica, compendio de aventuras e terrores que fomos tecendo na infancia e gardamos, con maior ou menor acordanza, no recanto final da nosa memoria. A partir dese espazo de horrores e lances heroicos, de medos inconscientes e andanzas marabillosas, constrúe Xosé Duncan, con innegable talento e habelencia técnica, un universo rico e propio que a experiencia, a madurez e a reflexión persoal enchen de estética medida, reivindicación do propio e mesmo critica social.

Non é doado escribir literatura fantástica en Galicia e en galego na actualidade -propósitos irrenunciables do autor- porque tanto as esixencias do xénero, como a súa consideración no noso sistema literario, ademais das limitacións que impón a crise -esa gran coartada dos poderes escuros- fan que atopar espazo de publicación sexa difícil. Velaí, por exemplo, como unicamente hai unha editorial especializada no xénero en galego, Urco Editora, ou como só existe un único premio literario para o ámbito fantástico e de terror -nun país tan pródigo noutras modalidades-, o Antón Risco, con apenas un ano de existencia.

Fronte a estes impedimentos, Xosé Duncan achega cinco novelas -tres delas conformando unha brillante triloxía: As crónicas de Bran- e case doce narracións editadas en libros colectivos. Unha produción ampla, que fala dun autor en plena creatividade e do seu compromiso coa nosa lingua, contando historias fantásticas para «adultos». Porque velaí outra das eivas espurias desta literatura: que se entende propia dos máis novos ou patrimonio da serie B. Dirá Duncan que esa caracterización faille á literatura -fantástica ou non fantástica- «o mesmo mal que pensar que por levar ilustracións, un libro é para crianzas. O mesmo mal que crer que por representar a figura do político ou o presidente ou o rei que toque por unha deidade colérica, un mago ou un guerreiro orco, eses personaxes non poidan ter profundidade nin seren unha crítica á sociedade que estamos a vivir».

Concordo con Duncan en que a prostitución xenérica -a que enmarca ao autor e á obra máis polo nicho de mercado que pola calidade- é unha desgraza case bíblica. Ambos pensamos que ou hai boa literatura ou non a hai, sexa cal sexa o tema, o tratamento, a técnica ou a convicción.

Duncan escribe as historias que lle gustaría vivir, de aí que non teña un público determinado en mente. De feito, un dos seus libros, Hostal Norte, foi un encargo para a colección xuvenil de Urco Editora, unha liña editorial de obras para a mocidade pero con valores actualizados e modernos, lonxe daqueles outros inherentes ao clasismo e á masculinidade, moitas veces machista e homófoba, do heroe de aventuras. Pero «a cousa torceuse xa no segundo capítulo e rematou por se converter nunha desacougante experiencia nun hostal cheo de personaxes sinistras». Esta historia, como tantas outras da súa man, naceu cunha idea «ás veces pequena e con aparencia de inofensiva. ... Unha personaxe, unha escena ou unha paisaxe. A partir de aí é como se un río comezase a fluír». A idea dá voltas na súa cabeza durante días, colle corpo, macérase, madura e desborda nesa fronteira onde realidade e fantasía se confunden ata que Duncan, dono xa da súa evolución, comeza a escrita nun rodicio persistente, ferreño, entregado.

Na súa obra, constancia feita a través da triloxía mencionada (A revolta dos mestres, A porta de Annwn e O solpor dos deuses), como substrato dos seus mundos imaxinarios, usa do mítico celta, da cultura popular galega e da xeografía inherente á nenez na Arousa. Úsaos a pesar de ser construcións nebulosas -ou precisamente por iso-, por proximidade cultural, por sintonía afectiva e como contextos que afían a metáfora de «cando se vivía dun xeito respectuoso coa natureza e cando a cultura era parte indivisíbel do colectivo, porque era o que definía ao colectivo e lle daba identidade».

A mención do colectivo suscita a pregunta polo futuro do Fogar de Breogán, da súa literatura en xeral e da fantástica en particular. Xosé Duncan amósase pesimista, pero combativo. El, que se define, cun meditado grao de provocación e ironía, como escritor afeccionado nun país no que -ás veces di ter esa sensación-, hai máis escritores en galego que lectores, non está disposto a claudicacións e compracencias no que á súa cultura e á lingua se refire: «esa é a miña guerra, non me preocupar polo que gobernos ineptos a nivel cultural poderían facer pola cultura senón facelo eu mesmo».

ILUSTRACIÓN ABRALDES

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Os galegos temos algo inherente a nós, que é a terra e a tradición oral»