O protagonismo dos «saberes e sabores» foi para a chuvia

Ramón Ares Noal
X. NOAL RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

Sobre uns vinte expositores mantivéronse firmes cos seus postos

13 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Disque non se falaba doutra cousa onte en Toxosoutos no Encontro de Sabores e Sabores. Que si «pena de día», que si a choiva isto, que si a choiva estoutro, o certo é que algo tan típico galego como a chuvia non podía faltar no mercado tradicional impulsado polo Concello de Lousame e a Asociación Maisdetres, na extraordinaria paraxe próxima ao mosteiro.

Sobre uns vinte expositores mantivéronse firmes cos seus postos, despois de que un bo feixe deles desistiran de acudir e outros acabaron marchando.

As persoas que se deron cita no encontro puideron coñecer a horta na que a UNED sénior de Lousame está tratando de recuperar variedades autóctonas e incluso degustar algúns produtos ecolóxicos de artesáns galegos, moitos deles da contorna.

Houbo que suspender algunhas exhibicións, pero non o cantar de cego que puxo a nota musical ao encontro, nin tampouco a conferencia do historiador e director da editorial Toxosoutos, Clodio González, que falou no interior do templo sobre patrimonio e anécdotas de Lousame. Pese a todo, haberá máis edicións, segundo confirmou a alcaldesa, Teresa Villaverde.