«Agora que se aprobou o plan xeral é cando empeza o traballo»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O rexedor nega que aplique o rodillo diante da oposición e rexeita as críticas pola apertura da piscina

27 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Luis Oujo non anda con panos quentes e cando se lle pregunta pola nota que poría á xestión realizada polo seu goberno neste primeiro ano de mandato non dubida en darlle unha alta cualificación. Defende o traballo feito e felicítase por que están cumprindo co seu programa, pero asume que aínda hai moito camiño por diante a pesares dos logros dos que é evidente que se sente orgulloso.

-Deulle un 8 ao seu goberno durante este ano, ¿o balance podería ser máis positivo?

-É moi positivo. Levábamos un programa prudente, de acordo á situación económica e ao que demandan os veciños, que son servizos básicos, e estámolo cumprindo. Fomos capaces de sacar adiante proxectos importantes, coma o plan xeral ou a piscina, levamos o saneamento a 150 vivendas de Baroña, é un compromiso que tiñamos e xa está funcionando. Somos un concello que vive do mar e témolo que coidar, e nesa liña seguiremos. Agora vaise adxudicar a depuradora de Xuño e está redactado o proxecto da de Queiruga. O que nos queda por diante é levar o saneamento integral a todos os núcleos.

-O plan xeral era o gran obxectivo e está aprobado, ¿e agora que? ¿Quedaron sen retos?

-Ao contrario. Agora que se aprobou o PXOM é cando empeza o traballo de verdade para desenvolvelo. Coas anteriores normas subsidiarias quedámonos atrás e agora é cando temos que traballar para levar a Porto do Son a onde merece estar. O plan dá unhas garantías xurídicas, establece un crecemento sostible e ordenado do municipio, traza novas vías e sitúa o chan industrial, e agora hai que desenvolvelo.