Sota, cabalo e sargo

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

20 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando escoito a chorada dalgún acomplexado con respecto á outras gastronomías, eu sempre lles digo o mesmo: tanto Cataluña ou Euskadi dispoñen de restaurantes de tres estrelas Michelín porque están ao carón da fronteira con Francia. Tiven a fortuna de probar os mellores restaurantes europeos e sei o que digo: no defunto de El Bulli, no Celler de Can Roca, en Arzak ou en Akelarre o 90% da clientela é ou era estranxeira, non do territorio no que en teoría están asentados. Manter un restaurante de tres estrelas Michelín é complexo: precisa o compromiso dunha sociedade e nin sequera territorios ricos coma os devanditos teñen a capacidade de facelos sustentables por si mesmos. Iso si, saben ben que ter unha boa marca gastro no teu territorio xenera un efecto tractor para o resto dos negocios.

Dito isto, hai que pensar no chamativo que resulta que unha significativa parte das estrelas Michelín están ubicadas na costa galega pero non no Barbanza e no litoral de Muros e Carnota. É certo que conservamos un tesouro aínda non moi coñecido, a aldea carnotá de Caldebarcos, onde se atopan os restaurantes de mellor relación calidade-prezo-honestidade de toda a Galicia litoral. Pero malia a proximidade a Santiago de Compostela, e as gañas de facer cousas de moito do sector comarcal, aínda non conseguimos xerar un espazo de referencia para o gastroturista. Non sería nada difícil chegar a iso: tan só hai que atreverse a saír un pouco desa zona de confort da sota, cabalo e sargo do día a día e imaxinar.