Pegadas galaicas e barbanzás no «Quixote»

Pastor Rodríguez fixo un percorrido pola relación entre Galicia e Cervantes para abrir a Semana Cultural do IES Número Un


As pegadas galaicas e barbanzás no Quixote tiveron un papel protagonista na inauguración da Semana Cultural do IES Número Un, que cumpre este ano a súa duodécima edición. O escritor Xoán Pastor Rodríguez foi o encargado de abrir a primeira das charlas do programa, facendo un percorrido pola relación entre Galicia e Cervantes, dende polémica en torno á orixe do autor e a súa posible vinculación co fogar de Breogán, ata as constantes referencias que se atopan na súa obra cimeira que logo inspiraría a grandes da literatura e as artes, coma Rosalía de Castro, Castelao, Cunqueiro, Pondal, Curros Enríquez, Laxeiro ou Francisco Llorens.

Pastor Rodríguez amosou aos alumnos a primeira edición do Quixote en galego que ten no seu haber, editada en 1989, e que forma parte dunha coidada tirada encadernada en pel de 350 exemplares. Nela, explica, participaron os máis importantes ilustradores contemporáneos, entre eles, os noieses Alfonso Costa e Nacho C. Beiro. Tiña que habelo feito tamén un pobrense, Rodríguez Baixeiras, quen finou antes de acabar o traballo.

Foi tamén outro pobrense, Manuel Fernández Varela, unha peza clave para a difusión e a posta en valor na corte da figura cervantina, quen impulsou a primeira escultura na súa honra en España, sita na praza das Cortes da capital, malia que falecería tamén sen chegar a vela.

Próxima mostra en Artes

As pescudas de Pastor Rodríguez, que deron para un libro publicado no 2005 e outros moitos artigos que foi sacando nestes últimos anos, ilustraron aos alumnos barbanceses. E, para os que quedasen con ganas de máis, terán en breve a oportunidade de ver unha mostra no Museo do Gravado de Artes na que se exhibirán distintas edicións que saíron da novela cervantina e as ilustracións do Quixote que fixeron Dalí e outros importantes artistas, tal e como adiantou Pastor Rodríguez, a quen lle encargaron os textos que acompañarán o percorrido expositivo.

Á marxe do autor que creou a imaxe universal do fidalgo da Mancha, as actividades continuarán ata o mércores no instituto ribeirense. Hoxe haberá, entre outras propostas, unha charla sobre o documental como ferramenta histórica, coa proxección de As mestras da República, e dúas excursións a Compostela.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Pegadas galaicas e barbanzás no «Quixote»