Seis 17 de maio con acento barbancés

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

<span lang= gl >Cincuenta anos de Añón</span>. Unha ofrenda na que participaron o alcalde de Outes e o autor da escultura en memoria de Añón, Andrés Barbanzán, conmemorou os 50 anos das Letras dedicadas ao poeta.
Cincuenta anos de Añón. Unha ofrenda na que participaron o alcalde de Outes e o autor da escultura en memoria de Añón, Andrés Barbanzán, conmemorou os 50 anos das Letras dedicadas ao poeta. Sande< / span>

Media ducia de escritores foron homenaxeados e outros catro agardan a súa quenda

18 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Media ducia de escritores de Barbanza forman parte do selecto club de autores homenaxeados co Día das Letras Galegas ao longo da historia. Son seis 17 de maio con acento barbancés que iniciou Castelao aló polo 1964 e aos que puxo o peche, de momento, a noiesa María Mariño no ano 2007.

Pode que seis recoñecementos non parezan demasiados tendo en conta que, con Manuel María, son 53 os persoeiros aos que se dedicaron outros tantos días das letras, pero poucos concellos poden gabarse de ter entre os seus habitantes a tres veciños homenaxeados un 17 de maio como é o caso de Rianxo ou aos dous cos que conta Noia. No que se refire ao municipio rianxeiro, Castelao foi o segundo escritor, despois de Rosalía de Castro, ao que a Real Academia da Lingua Galega puxo de relevo pola súa defensa do idioma e a súa contribución á cultura.

Logo viñeron o poeta do mar, Manuel Antonio, no 1979, e Rafael Dieste, que foi académico dende 1981 ata a súa morte e autor de A fiestra baldeira, símbolo do rexurdir teatral en Galicia. O ano 1995 foi o de Dieste, e logo a Academia pareceu esquecer aos escritores da zona ata que no 2003 chegou a quenda do noiés Antón Avilés de Taramancos. Precisamente, outra ilustre veciña de Noia, María Mariño, foi a última figura barbancesa á que se lle rendeu homenaxe no Día das Letras Galegas e é, ademais, unha das poucas mulleres que recibiron este recoñecemento. Só Rosalía e Francisca Herrero Garrido comparten esa honra.

Pecha o listado de figuras senlleiras da literatura galega alguén que está considerado coma un dos seus precursores, o poeta Francisco Añón, nado en Outes en 1812, onde onte foi obxecto dun novo acto conmemorativo.

Candidaturas pendentes

Estes son os escritores orixinarios de Barbanza que figuran no palmarés das Letras Galegas, sen embargo hai outros catro literatos que seguen agardando a súa quenda para pasar a formar parte desa relación. Unha figura que se reivindica, especialmente na Pobra pola súa vinculación ao municipio, é a de Anxo Rei Ballesteros. A xente da cultura na comarca sitúao coma un bo candidato, pero haberá que agardar un par de anos, ata que se cumpra unha década do seu pasamento, para propoñelo formalmente á Academia Galega.

Mentres tanto, hai outros escritores que soan con forza para inscribir o seu nome entre os homenaxeados nos vindeiros 17 de maio. A candidatura de Xosé Agrelo é a que está collendo máis impulso grazas á campaña mediática que está levando a cabo o colectivo O Xeito. O seu presidente explicaba que detrás da proposta de Agrelo hai dous anos de traballo e que nas semanas que quedan ata que se coñeza o nome do autor ao que se dedicará o 2017 tratarán de darlle visibilidade ao apoio co que conta o muradán. Apoiando a proposta de Xosé Agrelo, ademais de concellos e partidos políticos, está a asociación Terra de Outes, que neste 17 de maio reivindicou a súa figura coincidindo co seu oitenta aniversario.

Proposta noiesa

O colectivo secunda tamén outra das candidaturas xurdidas na comarca, a de Manuel Fabeiro, que partiu do Liceo de Noia e para o que se solicitaba o recoñecemento neste 2016 por conmemorarse o seu centenario. Sen ningún ánimo de revanchismo, o presidente da entidade noiesa daba onte por boa a homenaxe a Manuel María: «Esa é a riqueza desta cultura, que hai moitos bos candidatos». Xoán Mariño, de Terra de Outes, mantén a esperanza: «Antes ou despois, chegará o seu momento».

Outra candidatura da que se vén falando, aínda que menos, é da do crego de Isorna, Faustino Rei Romero. O pleno de Rianxo enviara unha solicitude á Academia no seu momento.