Rompendo as barreiras dixitais

antón parada PORTO DO SON / LA VOZ

BARBANZA

<span lang= gl >Montse Rebullido, fronte ao ordenador que empregan nas sesións, axudada por Sandra Riveiro. </span>
Montse Rebullido, fronte ao ordenador que empregan nas sesións, axudada por Sandra Riveiro. c. queijeiro< / span>

Esta estudante do Grao en Educación Social na Universidade de Santiago de Compostela deseñou un proxecto para achegar as novas tecnoloxías a persoas con diversidade funcional

18 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Que o mundo avanza a velocidade de vertixe é unha obviedade. Mais as cousas que se dan por sentado acaban simplificando moitas outras. Unha delas fai referencia ás barreiras tecnolóxicas dende o punto de vista xeracional. Acostumamos a crer que as persoas maiores son as únicas vítimas do progreso dixital, ás que se lles pecha a porta do coñecemento neste ámbito. Pero, ¿que pasaría se ao factor da idade se lle suma o feito de ser unha persoa con diversidade funcional?.

Sandra Riveiro Montemuíño (San Pedro de Muro, 1995) decantouse por derribar dous muros. A súa maza é o proxecto que desenvolve para a materia de acción socioeducativa nas discapacidades -baixo as ensinanzas da docente Yesshenia Vilas- do Grao de Educación Social na Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Downtics é un traballo académico que contou con diversas sesións coa súa veciña sonense de 42 anos Montse Rebullido para demostrar que posuír síndrome de Down non impide que reciba unha aprendizaxe básica sobre a informática e os dispositivos electrónicos.

Os motivos

Cando Sandra Riveiro se matriculou nesta carreira non estaba segura se era exactamente a que debía cursar, pero si tiña moi clara unha cousa: quería que o seu futuro se encamiñara a axudar á xente. «A min o que sempre me interesou era estar coas persoas, non estar nun despacho enchendo papeis», explicou a universitaria, quen agardou paciente a que chegase o terceiro curso para pasar á aplicación práctica.

Deste xeito, cando chegou a hora de elixir sobre que ía tratar a súa proposta para clase, decantouse por unha condición que cría máis aceptada pola sociedade en detrimento doutras, coa intención de potenciar un aspecto da vida de Montse Rebullido que tivera menos preparada. Chegados a ese punto caeu na conta de que se equivocara en dous puntos: o primeiro, a través da asociación Ambar, viña practicando diversas actividades enriquecedoras como a vela, a natación ou o sendeirismo; e o segundo, que non ía ser tan doado.

«Sigo sen comprender esa tendencia a infantilizar ás persoas con síndrome de Down». Riveiro non podía soportar esa maneira de dirixirse a persoas como Rebullido. Sen embargo, había un oco sen cubrir que lle podería outorgar maior autonomía: «Este proxecto trátase de acercar ás persoas con algún tipo de diversidade funcional ás novas tecnoloxías, baixo o dereito que todos temos de acceso á tecnoloxía».

Así prendeu a semente que resultaría nun programa de sesións, que abrangueu dende o pasado febreiro ata esta semana, por mor da data de entrega fixada para mañá. O primeiro día que Montse Rebullido se sentou ante un ordenador collía o rato con inseguridade e premía o teclado como se cada carácter estivese escrito sobre porcelana. Hoxe é quen de acendelo ela soa, así como arrancar o Word e poñerse a escribir breves textos.

Os contidos

«É certo que Montse tiña nocións sobre como empregar un teléfono móbil, no tocante a chamar, pero non sabía usar as aplicacións», lonxe de quedarse nas accións simples -pero esenciais- da computadora, como crear unha carpeta. Downtics tamén pon o foco noutros soportes como as tablets ou os smartphones. Por exemplo, comprobalo tempo que fará hoxe ou mañá dende o celular.

A modo de presentación, esta estudante confeccionou un libro despregable coas partes elementais dun ordenador. O traballo foi evolucionando ata chegar á elaboración dun vídeo que ilustra a progresión da súa pupila. «Downtics podería ser aplicado a persoas doutras características, pero sería necesario establecer pautas concretas», comentou sobre o posible alcance.

Quizais o maior éxito desta actividade se reflicta en que non remata aquí, pois aínda que a clases finalicen, seguirán traballando pola súa conta no verán na segunda fase, a navegación na Internet. Pode que esta non dure tanto, pois a última vez que acudiron á casa da cultura de San Pedro de Muro -onde realizaron a maior parte do traballo, xunto co domicilio de Riveiro- renovaran o equipo informático, e mentres a futura graduada buscaba cómo acender o aparello, Montse xa estaba escribindo.

O proxecto na Rede: Riveiro habilitou unha páxina en Facebook, onde foi relatando as diversas sesións deste proxecto: www.facebook.com/downtics. A maiores, tamén realizou un vídeo explicativo, de libre acceso, ao que se pode acceder dende Youtube, escribindo o nome do traballo na barra de búsqueda deste sitio web.