O voto dos privilexiados

José Rodríguez Cabeza DENDE FÓRA

BARBANZA

17 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Sigo os programas de debate, tanto televisivos como radiofónicos, e a ninguén lle escoitei unha explicación razoable a ese fenómeno político de Podemos e as súas confluencias, que en Galicia suman a nada desdeñable cifra de corenta nomes. ¿Como pode ser que un anacrónico partido político acadase un apoio tan grande e, por ende, quen poden ser os seus votantes nunha sociedade con máis de catro décadas de aprendizaxe ideolóxico?

Pois ben, a mellor resposta, e coido que a máis atinada, oína hai uns días cando un falangueiro dixo que quizais o seu caladoiro máis importante estea no funcionariado, baseadamente representado na sanidade e na educación (tamén na xustiza) preocupados en perder os seus privilexios. Analicemos isto.

Na actualidade hai un consenso xa moi xeneralizado de que para xerar riqueza (económica) débense aplicar as políticas liberais acuñadas na famosa frase «laissez faire, laissez passer». Logo escarallouna Engels desenvolvendo o marxismo co fracaso que todos coñecemos, pero en Europa quedou un rescaldo integrado na socialdemocracia que pode aplicar políticas máis ou menos intervencionistas. En España os nosos referentes son Felipe, Aznar, Zapatero e Rajoy.

Pois ben, para poder emitir un voto responsable o 26-J temos que ponderar moi ben estas dúas premisas para acadar unha conclusión atinada, polo que penso que hai que ter moi en conta á formación de Albert Rivera que, aínda que por terras barbancesas Cidadáns está pouco representado, nestes catro meses veu amosando, a nivel nacional, a súa capacidade para arbitrar as políticas coherentes que España necesita.