Potencia patrimonial

Víctor Barbeito

BARBANZA

15 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Barbanza é unha comarca cunha superficie que rolda os 468 quilómetros cadrados, e cunha poboación que se achega aos 95.000 habitantes, cun extenso e variado patrimonio cultural, e especialmente no que atinxe ao patrimonio arqueolóxico, entre os cales temos o garbo de posuír algúns dos exemplares máis sobranceiros como son do dolmen de Axeitos, o castro de Baroña ou os castros de Neixón, a Cova da Moura, os petróglifos da Foxa Vella ou o dos Mouchos, entre outros. A comarca estivo presente xa dende os albores da arqueoloxía científica galega e segue a estar presente na actualidade tanto na investigación, como na protección e conservación como na difusión e divulgación dos seus valores.

Hoxe o Barbanza acolle no seu seo preto de 900 bens (castros, mámoas, petróglifos, ermidas, igrexas, pazos, cruceiros, ?) que forman parte do patrimonio cultural de Galicia. Un patrimonio que se estima rolda os 45.000 bens; se estima porque, dunha banda, a patrimonialización é un proceso incompleto, xa que actualmente seguimos construíndo (e destruíndo) patrimonio; polo tanto, os catálogos e inventarios son elementos abertos a novas incorporacións que acontecen de maneira relativamente frecuente; e doutra banda, non existe a disposición pública ningunha ferramenta (web, aplicación, base de datos, ?) onde se recollan cada un dos bens que forman parte do Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia.

A nova lei do patrimonio cultural de Galicia que sairá publicada no DOG, previsiblemente este luns, establece no seu artigo 5 que a cidadanía ten dereito ao acceso, coñecemento e goce, así como á transmisión e á divulgación social do patrimonio cultural de Galicia. Se a lei se cumpre, no prazo de dous anos a Xunta divulgará mediante o emprego de novas tecnoloxías da información as relacións de bens declarados de interese cultural e os catalogados, así como o novo Censo do Patrimonio Cultural. Polo que, despois de máis de 30 anos de ter transferidas as competencias do patrimonio cultural do Estado a Galicia, non está mal que finalmente coñezamos aqueles bens que configuraron a identidade cultural da comunidade.