¿E se non televisan a Eurocopa?


Anda o mundo do fútbol -e non só os mandamais desta disciplina deportiva convertida en relixión en medio mundo, senón tamén altos cargos do Goberno do Estado- preocupado porque parece ser que ninguén se fixo aínda cos dereitos televisivos para retransmitir a Eurocopa que se comezará a disputar en París dentro dun mes. España defende o campionato e que os súbditos deste país non poidamos ver en directo o discorrer dos de Del Bosque nesta prestixiosa competición pode ser un verdadeiro drama, así que o secretario de Estado para o Deporte xa se apresurou a dicir que o Executivo velará para que iso non ocorra. Non debería preocupar tanto xa que o inicio do torneo coincidirá coa campaña electoral e a bo seguro, en vista de como foi a cousa en decembro, os aspirantes a ocupar un escano farán aparicións televisivas, a cada cal máis entretida, co obxecto de demostrar o abertos e próximos á cidadanía que son para ver se apañan algún voto indeciso. Teñen ademais o reto de facerlle esquecer aos votantes os últimos meses de liortas públicas pola súa incapacidade para poñerse de acordo e formar goberno, así que a cousa promete.

Pero, por se acaso, mellor ter o fútbol, o novo opio do pobo, capaz de anular a consciencia de millóns de persoas durante noventa minutos. E dígoo eu, que son futboleira, pero na súa xusta medida, porque creo que para todo hai medidas, a min a querenza polo deporte en xeral, pero sobre todo polo fútbol, venme de caste e son os triunfos da familia os que vivo con alegría, non os dun equipo de Primeira ou os da selección. Estes días cúmprense anos da xesta dun Unión feito con xogadores da casa que logrou o ascenso, fugaz iso si, a Rexional Preferente, e foi de lonxe unha das celebracións máis grandes e máis felices que lembro, por merecida e polo agónico que foi o triunfo. Coincidindo con este aniversario, o campo de Vilas veu como lle facían o corredor de campións a varios conxuntos das categorías inferiores e como cadetes e benxamíns festexaban o ascenso. Pero tamén recordo a celebración dos xogadores do Unión despois de perder a final da Copa do Sar en Boiro, coincidindo, precisamente, coa fase final dunha Eurocopa.

Esas experiencias, as vitorias e as derrotas, son polas que paga a pena sufrir durante noventa minutos. Iso é o que eu aprendín. Os partidos de elite son un entretemento que non merece bagullas, e xa non digamos os espectáculos vergoñentos que suceden de cando en vez ás portas dos estadios entre seareiros de equipos rivais. Así que, se finalmente non se televisa a Eurocopa -cousa improbable porque o fútbol é, sobre todo, un negocio- ou se a cousa se pon fea para o seu equipo, vaian xogar unha pachanga. É máis saudable.

Por Marta Gómez CrÓNICA

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

¿E se non televisan a Eurocopa?