«Hai que combater a crise con ilusión, con proxectos que inciten a crear máis»

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

<span lang= gl >As praias e paraxes boirenses están presentes nos temas de «Deserto de centos»</span>.
As praias e paraxes boirenses están presentes nos temas de «Deserto de centos». marcos creo

Non só lanzou un disco, senón que formou unha banda con sete músicos coa que quere percorrer medio mundo

08 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Naceu escoitando música, medrou ao son do ritmo folk de Fía na Roca e agora, despois de soltar amarras, Sonia Lebedynski ven de lanzar o seu primeiro disco en solitario. Deserto de centos é un traballo que, partindo da súa longa e intensa traxectoria, presenta a unha artista nova, marcada polas experiencias vividas no Boiro que a adoptou. Hoxe (restaurante Miramar, 19.00 horas) devolveralle parte de todo o recibido á gran familia que atopou en terras barbancesas, coa presentación dun cedé que persigue traspasar fronteiras.

-Despois da súa intensa traxectoria, ¿cal é o obxectivo que se marca con este primeiro disco en solitario?

-O obxectivo é botar a andar un proxecto que levaba tempo na miña cabeza, facer algo distinto ao que levo feito ata o de agora. Este disco é un punto de inflexión na miña vida e na miña carreira. De aí o título. Deserto, porque afronto a responsabilidade dun traballo en solitario, e de centos, pola influencia da traxectoria, da experiencia.

-Este disco é, de feito, o resultado de varios anos de traballo...

-Este disco leva cinco anos na miña cabeza, pero a súa elaboración foi un proceso dilatado no tempo que pasou por distintas etapas. O proxecto sufriu diversas interrupcións pero, no verán, retomeino con moita enerxía. O resultado está xa na rúa.

-É o seu primeiro disco en solitario, pero tivo moita compañía no proceso de elaboración...

-Si, hai temas propios pero, a maioría, son compostos de xeito colectivo. Hai letras cociñadas con amigos e outras que me cederon. Uxía Senlle, por exemplo, musicou un texto de Manuel María; Guadi Galego escribiu un tema para min e Xosé Lois Romero fixo unha letra comigo.

-¿A que se deben todas estas colaboracións?

-Aínda que este é o meu primeiro traballo en solitario, ao longo do camiño que percorrín antes topei músicos que me achegaron moitas experiencias. Para min era importante compartir de algún xeito este disco con eles. Ademais, o primeiro traballo impón, supón moita responsabilidade, e ese foi tamén un aliciente á hora de decidir compartir o proxecto con máis xente.

-¿Plenamente satisfeita co resultado obtido?

-Moi satisfeita. Foron meses intensos, moitísimas horas de preprodución, tempo e tempo no estudo... Foi un traballo feito con calma, pero que tiña moitas gañas de ver xa finalizado.

-Se tivera que quedarse cun tema, ¿con cal sería?

-Cen miradas, o tema que abre o disco e que fai apoloxía dos amores máis incondicionais, dos que están aí sen miramentos. É un canto optimista á vida que nos lembra que sempre hai razóns que suman, pandeiros que nos convidan a bailar.

-Non naceu en Barbanza, pero elixiu este territorio para a presentación do disco, ¿pode dicirse xa que é boirense?

-Totalmente. Boiro é unha parte moi importante do disco e da miña vida. Levo aquí preto de doce anos e Boiro foi un revulsivo na miña vida e na miña música, tiña que ser o quilómetro cero do disco. Aquí compuxéronse gran parte das melodías e tecéronse moitos arranxos. Hai un tema, Paseo polo areal, que fai referencia explícita ao seu litoral. Tamén quería devolverlle aos boirenses o seu apoio incondicional.

-¿A onde aspira chegar con este disco en solitario?

-As miñas pretensións non son outras que chegar a todos os recunchos que me permita a miña música. Aspiro a levar Deserto de centos fóra das fronteiras galegas, porque a nosa música é moi apreciada no exterior. Tamén aspiro a seguir camiñando no mundo da música.

-Falaba deste disco como un punto de inflexión pero, ¿tamén bebe das raíces folk?

-Si, pero digo punto de inflexión porque a xente que me coñece vaise sorprender polas sonoridades e os rexistros que vai atopar neste disco, que non son os habituais. Non perdo o norte da música que viña cantando, da música tradicional galega, pero inclúo reminiscencias do pop, do blues, do reggae, do funky...

-¿Non é un pouco atrevido lanzar un disco nuns tempos que non son os mellores para a cultura?

-Cando as cousas non van ben quédannos as doses de ilusión para reformular todo. Asumín ademais o risco de apostar por unha banda grande, de sete músicos, algo anormal nos tempos que corren. Penso que non debemos movernos polo mercado, senón pola enerxía, temos que coller forzas para cambiar o mundo. Hai que combater a crise con ilusión, con proxectos que inciten a crear máis.

-¿Que escenario lle gustaría pisar con este disco?

-Son moitos os lugares, desde grandes festivais a pequenos escenarios, palcos e mesmo salas. Hai unha cita especial, o Vic de Cataluña, porque coinciden moitos promotores e alí estiven con Susana Seivane. Móvense moitas sinerxías a nivel profesional. Tamén me chaman o Getxo Folk do País Vasco, as salas madrileñas e o Celtic Connections de Glasgow. E hai un escenario, o teatro Solís de Montevideo, que sempre me ven á cabeza. Actuei con Fía na Roca para un milleiro de persoas que aplaudiron e se puxeron en pé. Foi moi emocionante.

-¿Ten morriña daquela época con Fía na Roca?

-Si. Agora cando estaba rematando o disco relembrei a Fía na Roca, todos os procesos de produción dos discos e as viaxes. Tiven certa nostalxia porque entrei no grupo con 15 anos e foi para min unha escola. Para este disco tamén tomei como referencia a Fía na Roca.

Sonia Lebedynski cantante