«Na aceptación da diversidade funcional hai moito que traballar»

Ana Gerpe Varela
A. gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

<span lang= gl >Luisa Rodríguez destaca a capacidade dos monitores da entidade para chegar aos usuarios. </span>
Luisa Rodríguez destaca a capacidade dos monitores da entidade para chegar aos usuarios. dani gestoso< / span>

O coidado de seu irmán, con síndrome de Down, levou á vicepresidenta de Ambar a implicarse nesta entidade

02 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As circunstancias da vida levan a que Luisa Rodríguez Queiruga (A Pobra, 1975) exerza sempre de irmán maior de Ramonchu, como cariñosamente o chama. Non só porque ela nacese catro anos antes, senón porque Ramonchu é un home con síndrome de Down. Ao longo deste largo camiño, Luisa Rodríguez, que traballa como docente, foi enchendo unha xa avultada mochila coas actitudes da sociedade, dos veciños, con respecto ás persoas que teñen algún tipo de discapacidade.

Asegura que «os oitenta foron unha década moi dura» e, aínda que manifesta que «teño anécdotas moi variadas e algunhas son moi duras», prefire mirar cara adiante e subliñar os aspectos positivos. Resalta os pasos que se foron dando nestes anos e, a pesar de que cree que «na aceptación da diversidade funcional hai moito que traballar», porque explica que a xente non acepta que unha persoa con discapacidade é unha máis na estrutura social que se ve obrigada a «loitar por cousas polas que non debera loitar», móstrase paciente e aprecia cada avance que se logra neste complexo camiño da igualdade.

Unha nova familia

Dende hai moito é a titora de seu irmán: «Sempre estiven moi pegada a el». Hai seis anos decidiu que Ramonchu tiña que ter novos horizontes e atopounos en Ambar, unha gran familia da que ambos empezaron a formar parte. Nesa época, Luisa Rodríguez e seu irmán vivían sós, polo que ela implicouse de cheo na entidade. Agora, os dous cativos que ten, de 3 e 1 ano, obríganlle a repartirse, pero o seu compromiso continúa firme e forma parte, como vicepresidenta, do equipo directivo que capitanea Milagros Rey.

Recoñece que cando Ramonchu empezou a asistir ao centro de recursos de Ambar tiña «medo de que lle custara adaptarse. El tiña unha rutina moi sedentaria e estaba moi apegado á familia». Os seus temores rapidamente mudaron en satisfacción porque Ramonchu non só se aclimatou á nova dinámica de xeito moi sinxelo e rápido, senón que Luisa Rodríguez afirma que quedou sorprendida «polo avance que experimentou, incluso en materia de comunicación, porque é unha persoa introvertida. Avanza pouco, pero sen interrupción».

Cando fala da súa relación con Ambar, pon énfase na capacidade dos monitores para saber chegar aos usuarios «abríndolles os ollos ao que ven pola rúa» e tamén en todo o que ela ten aprendido nestes anos, «para min foi unha axuda moi grande».

Moita firmeza

A paciencia, posiblemente polos milleiros de situacións que prefire gardarse e que a levaron a encarar a vida con firmeza, fan que teña unha actitude positiva. Sabe que as prazas das que dispón Ambar non chegan para cubrir a demanda das familias, pero tamén para iso ten unha receita: «Non darse por vencido e seguir na brecha». Por iso non se impacienta, aínda que é consciente dos quilómetros pendentes de recorrer para completar o camiño da igualdade: «Estamos no primeiro paso, pero para os que vivimos en pobos pequenos hai que valorar os pequenos logros e ser positivos».

Esta actitude vitalista é a que transmite e comparte co resto de usuarios de Ambar, todo iso unido aos cambios que de xeito paulatino experimenta Ramonchu: «Velo feliz é a miña tranquilidade». Só queda agardar a que se materialice o seu desexo de que as persoas con diversidade funcional non teñan que loitar por algo que lles corresponde.

A implicación. Non dubidou en integrarse na directiva de Ambar e axudar en todo o que pode. Na actualidade é vicepresidenta do equipo que encabeza Milagros Rey.

O empeño. Afirma que o seu anhelo é que a sociedade comprenda que hai cidadáns de moi diverso tipo e que todos teñen cabida sen que deba haber distincións.