Nada que celebrar na festa do traballo

Moncho Ares CRÓNICA

BARBANZA

01 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe conmemórase o Primeiro de Maio, o Día Internacional do Traballo, en tempos nos que, efectivamente, ter choio é para facer unha festa, nos que ocupar un posto laboral é un privilexio. Se repasamos os feitos históricos que deron orixe a esta conmemoración, semella que, en dereitos, estamos de novo naquela primavera de 1886, a que deu orixe á conmemoración desta xornada froito dun baño de sangue por conseguir, entre outras reivindicacións, a xornada laboral de oito horas.

A enquisa de poboación activa (EPA) do primeiro trimestre do 2016 sinalaba que en España había pouco máis de 18 millóns de persoas ocupadas, mentres que o número de paradas roldaba 4,8 millóns. Se temos en conta que o Estado ten 46,7 millóns de habitantes, non é moi complicado concluír que hai un desequilibrio insoportable, porque só traballan pouco máis dun terzo dos españois, que son os que teñen que xerar fondos para garantir o funcionamento do sistema e, ao mesmo tempo, o futuro daqueles outros cidadáns que chegan ao remate da súa vida laboral.

As expectativas non son boas a curto prazo, percibímolo por activa e por pasiva, entre outras cousas, porque o emprego que se xera non ten a calidade suficiente para ir aportando fondos de futuro. Os salarios baixaron, as condicións laborais reducíronse e se ese esforzo de todos se plasmase nunha recuperación do emprego efectiva, xa habería tempo de ir recuperando dereitos. Pero non se ve o final do túnel, por moito que nos digan que o ten, e, consecuentemente, a roda non xira.

E nuns tempos que probablemente sexan dos peores da historia no mundo laboral, temos uns sindicatos debilitados, primeiro, por esa enfermidade que non respecta a ningunha entidade, que é a corrupción; e segundo, por esa eterna relación cos partidos políticos, estes que hoxe constitúen unha das principais preocupacións dos cidadáns, e cuxos máximos representantes acaban de demostrar que lles interesa máis o poder que desatascar un país que ten necesidade de cambiar a súa dinámica.

Menos mal que vivimos nunha comarca cun índice de ocupación laboral alto grazas a sectores como o da conserva, que foi quen de xerar emprego incluso nos peores momentos da crise, e tamén aqueles outros que, pese ás dificultades, foron sobrevivindo con dignidade, e refírome aos do mar, desde os mexilloeiros ata os mariscadores.

Hoxe é o Primeiro de Maio, pero dubido que sexa a festa do traballo, como a considerabamos antes, porque o único que temos que celebrar os ocupados é ter un emprego, aínda que perdéramos poder adquisitivo ou empeoraran as nosas condicións, mentres que aos outros traballadores que están inactivos só lles queda pensar cada día en como atender as súas obrigas, como pagar a hipoteca, como afrontar os gastos familiares... nada que celebrar.