Da comunicación ao ensaio

Mariña Pérez Rei

BARBANZA

A traxectoria de Manuel Gago está trufada de actividade nos eidos da cultura, do xornalismo, da arqueoloxía, da gastronomía e tamén como conferenciante, ensaísta e articulista

29 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Gago Mariño (Palmeira, Ribeira, 1976) é doutor en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Na actualidade, é director de culturagalega.org, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega, e profesor asociado na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, formando novos xornalistas na especialidade de ciberxornalismo. Gago é autor de varios libros sobre xornalismo electrónico e arquitectura da información en Internet. É editor de Capítulo cero, un dos blogs referentes da Rede galega, no ámbito da divulgación histórica, científica, estilos de vida, gastronomía e cultura, e por el ten recibido premios de diferentes colectivos profesionais galegos.

No ámbito gastronómico, Gago é o creador e promotor do Código Cociña, un código de boas prácticas para o blogging gastronómico. Colaborou semanalmente no programa gastronómico da Radio Galega, Come e fala, co que gañou o Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico 2010. Tamén mantén The wine codex, unha guía persoal sobre os viños da península Ibérica en inglés. É coautor do libro Rías Baixas, gourmet territory, unha publicación destinada a presentar internacionalmente a gastronomía contemporánea do litoral sur de Galicia. 

No ámbito arqueolóxico, Gago ten participado en proxectos como a escavación do poboado da Lanzada, e ten promovido e coordinado iniciativas de arqueoloxía nos sitios de Pena Furada (Coirós), Torre dos Mouros e Castro de Mallou (Carnota), Croas de Niñóns (Ponteceso) ou Croas de Cerqueda (Malpica). É fundador de patrimoniogalego.net, a rede social do patrimonio cultural de Galicia.

Sendo conferenciante, relator ou articulista, Gago publica a súa produción en distintos medios. Ten publicado canda o arqueólogo Xurxo Ayán, o ensaio Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI (2.0 Editora), o libro Vento e chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia (Edicións Xerais), e, en 2015,  Platos rotos. Textos gastronómicos, unha antoloxía da súa produción xornalística no campo gastronómico.