Non ficarán

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

22 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cunha preocupación máis que lóxica, os veciños de moitas poboacións do Barbanza ven como pechan as sucursais de toda a vida dos bancos e os servizos non é que marchen, é que se desintegran.

Poderán protestar, poderán conseguir se cadra unha moratoria da sucursal, poderán castigar á entidade levando os aforros de toda unha vida para outro banco, pero só será un proceso que retrasará un pouco o imparable da redefinición do sector servizos e do comercio.

Nun momento no que os propios bancos están repensándose (fálase de que Google quere lanzar un), e no que a expansión do comercio electrónico e a mellora da loxística dos transportes é enorme, podemos imaxinar como será o futuro do comercio local nas pequenas vilas dentro de dez anos. Será un comercio de cousas quentes, inmediatas, por unha banda, e cousas únicas e moi físicas e exclusivas pola outra. Ou sexa, de bares e artesáns. O que ocorrerá co resto é, para min, unha incógnita. Debéramos ser conscientes diso.

Aquela estampa dos directores de banco á caza do emigrante retornado como as gaivotas aos barcos cando chegan ao porto de Ribeira xa rematou e non volverá. Agora os directores escapan dos clientes aos que un día lles venderon unha hipoteca ou unhas preferentes, por se reciben algo máis que un saúdo, e o seu banco deportounos lonxe do Barbanza, a Lalín, Palas de Rei ou Viveiro.

Eles mesmos, como as sucursais, non son máis que peóns dun sistema ao que xa lle sobra todo menos os cartos. Vaian acostumándose a usar a banca dixital.