O mundo ao revés nos días de «fragor»

Ramón Ares Noal
Moncho Ares BARLOVENTO

BARBANZA

06 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Prezado señor Ferrón. Descoñezo porque Podemos ou vostede se sentiron interpelados polo meu artigo do domingo 29 de marzo, pero voulle contestar, tal e como intúo me suxire como «entrevistador entrevistado». Home, como comprenderá, cando no meu texto sinalo que a historia di que Miguel Rodríguez Bautista foi bo, xusto e xeneroso baséome na documentación consultada, na hemeroteca e en testemuñas. Non o invento, porque, ¡que quer que lle diga!, aínda que certa ilustrada que se di de esquerdas me cualificou de «xornalista cativo» pola miña opinión, teño por norma escribir con fundamento, e a miña traxectoria de máis de trinta anos como profesional da información está aí. Vostede xa me coñece porque coincidimos como entrevistador (eu) e entrevistado (vostede), non si? E teño memoria tamén, incluso lembro que eu o coñezo a vostede de moito antes de A Batiola, de cando eramos nenos e vostede veraneaba en Boiro.

Mire, como di na súa carta, pode que non haxa constancia documental das responsabilidades represivas de Rodríguez Bautista pola falla de transparencia das ditaduras, pero haina testemuñal, e o único que escoitei reprobable é que lle dése casas baratas aos seus amigos... pero tamén a presuntos inimigos. Nin unha acusación nin a outra as puiden contrastar, xa llo confeso.

En canto ao merecemento de darlle o nome dun alcalde a unha rúa e quitarllo ao outro, en primeiro lugar quero que lles conste que este que asina non é partidario de dar nomes de políticos ás rúas por facer unha boa xestión, porque si optan a cargos públicos é para iso, e, se non, que non vaian; e en segundo lugar, di que un foi elixido democraticamente e o outro non, e doulle a razón, pero xa no mesmo artigo no que se sinte interpelado lembraba que na historia hai moitos tiranos, criminais de guerra e asasinos elixidos democraticamente, polo que, para min, a forma de chegar ao cargo é irrelevante na comparativa porque a miña reflexión baséase nos feitos das persoas.

A súa condescendencia «os profesionais da información, anque sexa por escrito, tamén poden ser vítimas do fragor dos debates» non lla merco, porque a miña opinión non é ideolóxica, non me debo a máis disciplina partidista que o sentido común e o respecto ás persoas, e por iso, escribino con absoluta liberdade, ponderando así mesmo a opinión pública.

Para rematar, e sen referirme a vostede, señor Ferrón, nin á formación que representa, quero engadir que nos días de «fragor» pareceume ver o mundo ao revés: moito fascista disfrazado de demócrata, porque non se pode considerar menos a quen atenta contra a liberdade de expresión, a quen insulta por pensar distinto, a quen minte para acadar obxectivos infames. Pero quédome co gratificante que resulta quitar caretas.