Contradición

José Rodríguez Cabeza DENDE FÓRA

BARBANZA

05 abr 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

Nisto de andar remexendo polas redes sociais topeime cun interesante artigo de opinión titulado Pedro Sánchez, doctor exprés: solo necesitó 35 meses para presentar la tesis doctoral que ahora esconde, polo que, tendo en conta que a media destes estudos de posgrao é de 6 anos, seguín escaravellando e, pescudando, topándome con que o aspirante a presidir o goberno de España licenciouse en Economía e Empresa en 1995 no Real Centro Universitario Escorial María Cristina, ¡que é un centro privado!, adscrito á Complutense de Madrid. Tomar nota.

Sigo informándome ata coñecer que en 2008 comeza a impartir clases na Universidade Camilo José Cela (UCJC), ¡que tamén é privada!, como profesor de Estrutura Económica e Historia do Pensamento Económico e tamén que en febreiro de 2010 inicia o seu doutorado na mesma universidade, que supera, cum laude (léndoa conclúese que cum enchufe), en novembro de 2012 cunha tese titulada «Innovaciones de la diplomacia económica española: Análisis del sector público (2000-2012)».

Queda patente que nestes antecedentes de Sánchez hai unha clara contradición, porque se el elixiu centros privados para a súa formación académica, ¿como agora chega á convicción de que o ensino máis axeitado para os demais alumnos españois é o público? Todo isto apunta a que Don Pedro máis que un socialista é un «sociolisto», que tanto pode apañarse con Podemos como traizoar a C?s xa que, como escribía no meu artigo do 8/3/2016, Sánchez non é do máis solvente. Hoxe teño o convencemento de que o mellor para España e para o Rivera son novas eleccións.