Memoria histórica selectiva

Moncho Ares CRÓNICA

BARBANZA

29 mar 2016 . Actualizado a las 17:56 h.

Un coñecido persoeiro me dixo nunha ocasión que non só rexeitaría en vida que lle dedicasen unha rúa ou lle concedesen honores, senón que era o seu desexo que os seus descendentes tamén respectasen a súa decisión cando xa non estivese. En principio, chocoume o comentario, por tratarse dunha persoa que xunta méritos para que o seu nome dea lustre ao pobo onde naceu, se criou, tivo familia e espera que repousen os seus restos, pero a súa posterior explicación convenceume: «Os políticos cambian, e cambian os criterios. Sería unha vergonza para os meus descendentes que me retirasen os honores, e eu non quero que pasen o mal grolo». Este comentario, cento por cento real, non é recente, pero está de plena actualidade. Dálle a razón o que está a ocorrer en Ribeira coa polémica que rodea o cambio do nome da rúa Miguel Rodríguez Bautista, en honor dun alcalde que a historia di que foi bo, xusto e xeneroso, pero tivo o «pecado imperdoable» de exercer na ditadura, cando os rexedores non eran elixidos polo pobo, senón polo réxime; como se na historia non houbese abundantes casos de tiranos que accederon aos cargos por vontade popular para logo pasala polo arco de triunfo.

Na propia Ribeira dáse unha situación que non deixa de ser paradoxal: tres grupos da oposición queren que se retire a unha avenida o nome dun alcalde do que non hai nin unha soa proba de mácula na súa xestión, semanas despois de que se lle impuxese, co respaldo deses grupos, a dun rexedor republicano, José Fernández Bermúdez, a outra, en substitución da data que lembraba a visita de Franco á cidade. Se non acerto a entender o mérito que tivo a presenza do xeneralísimo na cidade para dedicarlle unha rúa, tampouco me da a cabeza para comprender por que un mandatario merece dar nome a unha rúa e outro non, salvo que o único argumento sexan os criterios cambiantes dos que lles falaba hai un anaco.

Non hai moito tempo, un ribeirense pouco sospeitoso de ser de dereitas, único historiador local que, creo, indagou nos alcaldes de Ribeira ata onde existe documentación, Daniel Bravo Cores, sinalaba nunha entrevista no suplemento A Voz de Barbantia: «A memoria histórica non pode ser selectiva, ou é total ou non é», para engadir: «En Ribeira houbo poucos represaliados (en comparación con outras vilas do Barbanza), e paseados só un. Por iso non houbo os odios doutros lugares». A ver si agora, nese afán por borrar un período negro na nosa historia, xorden os odios que non houbo, e todo por esa memoria histórica que eu considero que é selectiva cando pretende borrar dunha rúa o nome dunha boa persoa que fixo grandes obras físicas e humanitarias, co único pero de que foi na ditadura.