«Necesitamos axuda para amosar as nosas capacidades á sociedade»

Antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O Concello de Rianxo, a biblioteca e ela recibiron un premio polo esforzo á integración

23 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada mañá, María Esperante Lens (Taragoña, 1985) arránxase para unha nova xornada de traballo, coa roupa escolleita do día anterior, e toma o autobús cara o centro de Rianxo. A súa primeira parada é no Concello desta localidade, comproba se hai correo para a Biblioteca Pública Municipal e diríxese ata este lugar. Alí, nada máis chegar, organiza a prensa diaria e meticulosamente comeza a ordenar todos os libros que quedaron fóra dos seus estantes correspondentes.

Podería parecer que se trata dunha historia completamente normal. E así o é. Pois ese é o valor deste relato. María Esperante naceu con síndrome de Down, mais iso nunca lle impediu levar unha vida normal e corrente. Por iso a Fundación Down Compostela tivo a ben dedicarlle a quinta edición do seu máximo galardón ao Concello de Rianxo, encarnado na labor de integración que realizou contratando a esta rapaza dende hai nove anos.

A homenaxe

Co motivo do pasado Día Mundial do Síndrome de Down, antonte tivo lugar un emotivo acto no compostelán Hostal dos Reis Católicos, no que os aplausos enmudeceron en canto María Esperante subiu ao atril acompañada da súa compañeira laboral, e por suposto a súa amiga, a bibliotecaria Sofía Carou Ces.

«Todos necesitamos sentirnos apoiados polas nosas familias e amigos, saber que sempre hai alguén disposto a axudarche cando o necesites», con estas palabras Esperante iniciaba o discurso de aceptación do premio, no que solicitaba ás institucións que se implicasen para garantirlle a oportunidade que ela recibiu a todas as persoas coas mesmas características: «Necesitamos axuda para amosar as nosas capacidades á sociedade».

Non obstante, esa axuda reclamada refírese a nada máis que os medios, porque as gañas e a ilusión de desenvolverse nun posto de traballo sobran a esgallas. Así como a de demostrar a valía. Proba dela foi a proxección dun vídeo neste acto que recollía a súa rutina laboral diaria. «A familia normalmente non sabe todo o que fai cada día, poder velo é un orgullo porque se recoñece o traballo», explicou Sofía Carou cun sorriso inmenso nos beizos.

Nun centro de lectura que destaca polo gran número de usuarios, en comparación co volume de poboación doutros concellos, esta moza de 31 anos é quen de moverse sen problemas entre os estantes que albergan os máis de 25.000 libros do fondo municipal.

Xornada completa

Incluso amosa un dominio perfecto da sección infantil, na que recomenda aos usuarios máis coñecidos determinados exemplares ou algunha colección que lle gustase en particular, posto que cada semana adoita ler unha ou dúas obras. Así é común vela aconsellando a rapaces de que non dubiden en levar con eles Bambi, sen desatender a función do etiquetado e da catalogación.

Por se fose pouco, María Esperante sacrificou parte do seu tempo libre das fins de semana para conseguir o carné de manipuladora de alimentos. Tras rematar o horario matinal, entra na carnicería familiar onde todas as tardes bota unha man dende antano. Anteriormente tamén traballara durante preto dun ano no Cuartel Vello desempeñando tarefas de oficina.

Sen dúbida algunha, este é un pequeno exemplo de motivación, pero que marca a diferenza para lograr que a sociedade camiñe cada día máis preto da igualdade.

O traballo perfecto: María Esperante non podería ser máis feliz no seu posto na biblioteca municipal. Nel desempeña distintos labores entre os diversos departamentos que a conforman. Por esta razón, gustaríalle que o seu futuro seguise ligado a este servizo público, así como ás tarefas que realiza na carnicería.