Un sacerdote liberal nacido na Pobra do Deán

PASTOR RODRÍGUEZ

BARBANZA

18 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nacido na Pobra do Deán en 1775, Joaquín González Patiño foi un sacerdote liberal ao que os seus inimigos reaccionarios alcumaban Traqueberraque. Doutor en Filosofía e Teoloxía, catedrático da universidade de Compostela, en 1802 foi o seu bibliotecario maior, cargo que compatibilizou co de cóengo cardeal de Santiago. Estudara no Colexio de Pasantes de San Clemente, fíxose licenciado e doutor en 1797, foi reitor do seu colexio, famoso por suprimir as coñecidas como «cerimonias de milagre», aínda que tamén foi licenciado en Artes. Home de grande formación intelectual, membro da Academia Real de Teoloxía -que presidiu entre 1798 e 1800-, sostivo moi firmes ideas liberais, o que levou a que os absolutistas o acusasen de masón, pero non hai constancia de que teña sido. Deputado liberal en 1822, foi tamén senador en 1838. Ao final da súa carreira chegou a Director da Biblioteca Nacional de Madrid, cargo no que faleceu en 1848. Por desgraza, a súa obra escrita foi máis ben escasa e hoxe é lembrado polo folleto Oración eucarística que en la muy solemne función celebrada el día 15 de agosto de 1808 a expensas y devoción de la M. N. Y L. Ciudad de La Coruña, para manifestar su gratitud y reconocimiento al especial favor, con que la Divina Providencia libró a Madrid de la opresión y tiranía francesa? Figura importante na vida intelectual galega e española durante cincuenta anos moi axitados historicamente, está á espera dunha monografía que estude con detalle o seu labor na Biblioteca Nacional e nas Cortes do trienio liberal.