Cando a oficina se atopa no corazón do paraíso

antón parada

BARBANZA

Dende un resort na Riviera Maya, codirixe un grupo de planificación e xestión que abarca quince hoteis

06 mar 2016 . Actualizado a las 15:56 h.

Conformismo. O peor inimigo dos triunfadores. Este adversario escóndese nos medos máis ocultos da paixón humana. Axexando dende ese temor a abandonar o fogar e volver coa maleta máis baleira do que estaba antes de partir. Pero se existira unha fórmula secreta para obter o éxito laboral ou a felicidade, posiblemente pase pola difícil unión destes dous factores. Por fortuna, sempre hai quen empuña con valentía o aceiro do sacrificio.

No século XXI, a sociedade acostumouse a traballar día tras día coa mente posta no merecido descanso que chegará. Eses pensamentos adoitan a materializarse en efémeros viaxes a luxosos hoteis situados en paraxes paradisíacas. Moitos cuestiónanse como sería non ter que volver a facer a maleta para retornar ao seu posto de traballo. David Argibay Oujo (Ribeira, 1990) deixou de facerse esa pregunta.

No corazón da Riviera Maya, dende un resort de cinco estrelas con todo incluído, localizado na franxa costeira de Akumal, este mozo ribeirense codirixe un pioneiro equipo de catro persoas encargado de planificar e atender as peticións dos clientes de quince hoteis de América Latina e Ibiza, da cadea hoteleira Palladium. Proximamente esa responsabilidade será ampliada cun aumento dos integrantes e coa consolidación do servizo en Europa.

«Check-in»

«Sempre fun un cu inquieto, dende pequeno soñaba con marchar e coñecer mundo», David Argibay, inspirado pola profesión de mariñeiro do seu pai, que o levara a percorrer centos de puntos do globo, anhelaba atopar unha profesión que lle abrise as portas á aventura. Condición que o empurrou a aprender a maior cantidade posible de idiomas.

Ata o bacharelato estudaba inglés e francés, pero unha vez que entrou na diplomatura en Turismo, na Universidade da Coruña, non dubidou en aprender alemán. Realizou prácticas de empresa todos os anos, primeiro na cidade herculina estudando pola mañá e traballando pola tarde. Sen embargo, os veráns tamén os pasaba así, en distintos puntos das illas Canarias e Baleares.

Motivado por seguir mellorando o seu nivel de lingua xermana e aprender do modelo de turismo dun país emisor, Argibay viaxou á cidade alemá de Karlsruhe dentro do programa Erasmus. Ao seu regreso completou un ano máis para adquirir o título de grao, o que lle permitiu proseguir o período formativo en Ibiza, nun escenario que lle interesaba especialmente. A central da empresa na que traballa agora.

«Sempre fun rotando, dende recepción ao spa, encántame o trato co cliente, pero funme enfocando na parte administrativa», explicou do feito de alcanzar a central de reservas da firma. Dende ese posto aprendeu realmente a manexarse entre as cifras e estatísticas que conforman o funcionamento dun hotel.

«Check-out»

Era o verán do 2013. Co contrato na man e mediante un programa de aprendizaxe interno subiu de escano ao aterrar nun posto análogo en Santo Domingo. Só que agora, dende a República Dominicana tiña acceso a todos os complexos do grupo no Caribe. Alí deixouse a pel ata que a empresa confiou nel para que, xunto a unha compañeira, supervisara un novo proxecto, o call center, vinculado ao departamento de vendas.

David Argibay chegaba a comezos do 2015 a México. «O sistema tradicional turístico baséase nas axencias de viaxes, nós adaptámonos ás novas tecnoloxías prescindindo dos intermediarios», explicou dun mecanismo que une as diversas canles de comunicación, integrando un chat en directo, para dar resposta ás peticións dos clientes á vez que organizan as promocións e plans de fidelización. Todo en cinco linguaxes distintas.

«O mercado cada vez é máis dinámico, nós simbolizamos a vital primeira toma de contacto co público», Argibay, dende unha profesión con múltiples facetas, incluso lle toca coordinar un plan entre empresa e goberno para facer fronte á problemática do recente virus zika. Á vez que pode chegar unha chamada dende un Hard Rock no mediterráneo.

Agora as súas vacacións son regresar á casa ou coñecer cidades como Roma. O sol e a praia do paraíso poden cansar mais: «Sempre existe esa morriña de volver coa familia, pero tomei a decisión de buscar aventuras».