Francisco Antón Vidal recrea a vida da momia dos Alpes

BARBANZA

Pepe Vila saúda ao escritor tras asinarlle un exemplar.
Pepe Vila saúda ao escritor tras asinarlle un exemplar. MARCOS CREO< / span>

Anxo Angueira presentou en Rianxo a súa edición crítica do «Follas novas» de Rosalía de Castro

28 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Antón Vidal, columnista de La Voz de Barbanza, foi o protagonista do acto mensual da Asociación Cultural Barbantia nun venres no que proliferaron as actividades culturais ás que as baixas temperaturas pasaron factura cunha asistencia de público inferior á habitual, o que non quere dicir que fosen menos interesantes.

No salón de actos do Club Náutico de Ribeira quedou demostrado que Vidal é de Palmeira, porque a meirande parte dos asistentes tiñan relación coa populosa parroquia, entre eles o presidente da entidade que acolleu o acto, José Luis Torres Colomer, quen arroupou ao seu admirado escritor, xunto con Encarna Pego, en representación de Barbantia; e Clodio González, director de Toxosoutos, editora do volume.

Vello protagonista

O autor desvelou na súa intervención detalles desta nova obra, sorprendendo inicialmente ao sinalar que o protagonista da mesma é Ötzi, o home cuxa momia foi atopada entre o xeo dos Alpes italianos no 1991. Francisco Antón Vidal fabula sobre un individuo que as investigacións sitúan 5.300 anos atrás, pero o libro serve como reflexión sobre a sociedade de hoxe, segundo explicou. O coitelo de pedra fundida non é un traballo de investigación, pero si que permite concluír sobre a importancia de descubrimentos como o da fundición da pedra, por exemplo, e o autor leva ao lector a esta conclusión a partir do resto metálico da frecha que se atou no ombreiro daquel home.

Encarna Pego, pola súa banda, sinalou que O coitelo de pedra fundida é un libro pequeno en tamaño, pero moi interesante porque fomenta reflexións sobre a loita pola perseveranza, os esforzos que hai que facer para chegar ao cume, «un canto a esa forza que debemos ter para acadar as metas», dixo.

Non foi este o único acto de carácter literario que tivo lugar en Barbanza. Rianxo rendeulle a súa particular homenaxe a Rosalía de Castro cunha ofrenda floral, unha lectura de versos a cargo de alumnos do instituto Félix Muriel e coa presentación da Edición crítica de Follas novas, un volume no que Anxo Angueira ofrece, ademais dun longo estudo introdutorio, un detallado repertorio de notas sobre os textos e pormenorizados comentarios de cada un dos poemas.

Na Pobra foron seis especialistas en Valle-Inclán os que afondaron na súa vida e na súa obra no marco dos actos de conmemoración do 150 aniversario do escritor e, en Noia, Susana Sánchez falou de Seique, un libro a medio camiño entre a poesía, a novela, a historia e o ensaio.