«Viaxar é un dos mellores xeitos de crecemento persoal»

encarna pego

BARBANZA

É unha humanista que transmite enerxía e altruísmo pouco habituaisRebeca Sevilla Muñiz Psicóloga clínica e criminóloga

25 feb 2016 . Actualizado a las 21:02 h.

Visítame Rebeca Sevilla unha chuviosa noite de inverno. Quero que me empape coas súas experiencias, que vai ganduxando sen perder o sorriso. A agarimosa conversa fainos esquecer o temporal. Estou ante unha humanista con maiúsculas, no sentido máis amplo da palabra, quen de transmitir enerxía e altruísmo pouco habituais.

-Cóntanos como empezas a traballar en Teixeiro e en que consistía o teu traballo.

-Recibo unha chamada e acudo á entrevista. A pregunta é se me vería traballando en cárceres, pensando que o rexeitaría. Estremecín coa ilusión e aceptei encantada. O traballo sería con presos con discapacidade intelectual, e outros en desvantaxe social con problemas de conduta. Tiven claro que era o que eu quería.

-Non entendo que estean no cárcere discapacitados intelectuais.

-Hai persoas que delinquen, e que nunca foron avaliadas por un equipo específico que detectase a súa discapacide. Outras, a pesar de teren a valoración, estaban no módulo de enfermería, en situación de protección por falla de alternativas.

-Cal era o teu traballo alí e como recibían os presos a vosa intervención?

-Tratabamos, en colaboración cos psicólogos e traballadores sociais, o control de emocións, manexo da ansiedade ­-non son violentos pero ás veces dan unha resposta desproporcionada-. Deben coñecer as consecuencias dos seus actos. Fixemos orientación laboral de cara á súa saída. Impartimos talleres afectivo-sexuais para identificar os sentimentos, distinguir os espazos de intimidade, recoñecer os abusos -por vulnerables, son moi propensos a ser vítimas. Recibíronnos moi ben. Tratámolos de ti a ti. Fixera o que fixera, estás cara a cara cunha persoa coma ti, non tes vantaxe nin desvantaxe. Sabían que estabamos para axudalos. Algún estaba alí por condutas antisociais, outros por pequenos furtos. Na súa ética, roubar era roubo con violencia. Logo acompañámolos na súa reinserción. Hai moitos prexuízos, son rexeitados a miúdo - «se estiveches no cárcere a saber que farías»-. Xestionamos o subsidio de excarcelación, logo un albergue por tempo limitado, ata atopar un traballo. Custa moito saír dese círculo, a sociedade non dá facilidades.

-Fálame do teu contacto co autismo.

-Hai anos traballei nun centro de nenos autistas, un mundo fascinante. Ves pequenos avances, valoras as pequenas cousas. Dende hai seis anos coordino unha rede de vivendas con apoio en Vilagarcía. Son maiores de 18 anos con trastornos do espectro do autismo (TEA). Se non son tratados desde pequenos, na adolescencia son propensos á depresión ou cadros de ansiedade que requiren unha atención axeitada.

-Como é a vida neses pisos, e que futuro laboral teñen?

-Procuramos dotalos de recursos para que tomen as súas decisións, que leven a súa vida -fregar, ir ao cine, ao ximnasio, ler, pasear- igual ca nós. O descoñecemento é a principal barreira. Buscamos unha vida de calidade e de benestar material, emocional e físico. Non é «toma, para ti», senón «contigo». Ver o que podes facer para valerte e ser feliz. Con apoio poden ter oficios diversos: acompañamento en centros de persoas maiores, empacadores en almacéns, lavandería e costura en hoteis, voluntariado ambiental ou social. Poden dar moito, non só recibir. Dentro do autismo moitos non teñen discapacidade intelectual. Algún pode ter parella e levar unha vida normal.

-Fálame da túa experiencia en Senegal.

-Fun de voluntaria cunha amiga, que xa traballara alí con nenos autistas. Viu que había certas necesidades nun pobo de Senegal, buscou xente afín e creou a asociación J?aime Rêver. Elaboraron un proxecto e abriron unha conta para recadar fondos. Construíron unha aula especial para nenos con discapacidades, que estaban sen escolarizar. Non houbo problemas de burocracia.

-Cal foi a túa función alí?

-Fixen de todo. Ir polas casas das aldeas, valorar cada rapaz, desde cegueira a parálise cerebral. Saber que demandas había para darlles resposta. Preparar persoal docente de alí, elaborar fichas de traballo, e este ano xa tiveron unha profesora titular e outra de apoio. Agora tramítase que o goberno xestione este programa. Que satisfacción produce ver o que se pode facer con tan pouco!

Teño que despedir a Rebeca concordando en todo: «Viaxar é un dos mellores xeitos de crecemento persoal, e se podes combinalo coa implicación nun proxecto social, o valor da experiencia é aínda maior». E tamén na premisa: «Atopa un traballo que che guste, e non volverás traballar na túa vida».