«Nunca pedimos unha suba salarial, só queremos que se cumpra a lei»

Antón Parada

BARBANZA

Moisés Fernández Santos leva dous anos integrando a mesa das negociacións intersindicais.
Moisés Fernández Santos leva dous anos integrando a mesa das negociacións intersindicais. c. queijeiro< / span>

O ribeirense integra as negociacións que se levan a cabo para crear unha xestión pública integral dos parques galegos

16 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O servizo de bombeiros de Santa Uxía de Ribeira, ao igual que a práctica totalidade dos galegos, naceu baixo o dominio da xestión privada. Aos dous anos de comezar a funcionar tocou elixir aos membros do comité de empresa Veicar, que dirixe sete dos dez parques comarcais da provincia da Coruña. Por aquel entón, Moisés Fernández Santos (Ribeira, 1978) saía elixido para ese cargo sen ser moi consciente da importancia que a súa voz ía ter. Foi a raíz da reforma laboral do 2012 cando o entendeu, ante o que define como unha «modificación substancial das condicións laborais» en canto aos horarios e os salarios. Tras plantar cara aos recortes e gañar, puxeron sobre a mesa unha vella reivindicación máis ambiciosa. A conquista da xestión directa total.

-¿Que supuxo a loita do 2012 e como entroncou coa reivindicación pola xestión pública?

-Coa reforma laboral quixeron apertarnos moito. Pero somos e sempre fomos un colectivo moi unido, xa sabes o que din, a unión fai a forza. Grazas a iso conseguimos quedarnos como estábamos. Coa empresa non temos ningún problema, todo o contrario. Sen embargo, estas reivindicacións xa existían dende hai dez anos, só que agora intensificáronse.

-¿E por qué agora neste intre?

-Ten que ser agora por un motivo esencial. A concesión dos parques da provincia da Coruña prorrógase cada tres anos e tócalle renovarse. É dicir, aquí pódese facer realidade xa.

-Vostede forma parte, ademais do comité de empresa, da mesa intersindical que participa nas negociacións, ¿por quen está conformado ese equipo?

-Trátase dunha mesa paritaria integrada por oito membros máis os suplentes. Nela están representados catro sindicatos: Comisións Obreiras, Unión Xeral de Traballadores, Confederación Intersindical Galega e o Sindicato Independente de Bombeiros de Galicia (Sibgal).

-¿Que motivos esgrimen para adoptar a xestión directa?

-Principalmente baseámonos en dous eixos. O primeiro é que os múltiples estudos realizados polos sindicatos, os grupos políticos da oposición e agora os interventores da Deputación demostran que a xestión directa suporía un aforro do 30%. Mais non hai que complicalo tanto, existe un razoamento matemático moi básico, que sae de restar o IVA e o 8% das ganancias empresariais.

-¿E o segundo argumento?

-Queremos mellorar a calidade do servizo para o cidadán. A nosa intención non é o aforro, senón reinverter na contratación de máis traballadores. Por exemplo, nós en Ribeira estamos ben dotados de equipo, temos catro vehículos, pero funcionamos con doce persoas en vez de dezaoito.

-¿En que se traduce esa cifra?

-Somos un subparque de Barbanza, no obstante cumprimos a función dun parque normal, xa que sempre soemos estar no terceiro e cuarto posto dos que máis incidencias asisten. É moi duro ter que chegar con só dous compañeiros a unha emerxencia e decidir cómo vas intervir. Os primeiros minutos son cruciais.

-¿Teñen un modelo a seguir?

-Nós poñemos como exemplo o parque de bombeiros do Deza en Silleda, o único público de toda a comunidade galega. Aínda que nun primeiro momento os parques da provincia de Lugo quitaran uns pregos de condicións para convertelos en públicos, o PP e o PSOE deron un xiro político para cambiar aquela proposta e pactar a proxección dun hospital, que se mal non recordo, acabou sendo privado.

-¿En que punto se atopan as actualmente as negociacións?

-Lévanse producindo reunións con todos os grupos políticos dende finais de novembro. O ambiente político cambiou tras as pasadas eleccións, moitos fannos caso por intereses. Ata nos sentamos co director xeral de Emerxencias, Luis Menor, cando estivemos ano e medio tentándoo. Dentro de dez días reunirémonos na Xunta cos presidentes das Deputacións para analizar a recompilación de informes xurídicos e económicos que mencionei antes. En principio hai boa vontade política, quero crer que todo desembocará pronto nunha solución definitiva.

-¿Que esixencias levarán a esa nova cita?

-Nunca pedimos unha suba salarial, só queremos que se cumpra a lei. Estamos a falar do regulamento de bombeiros profesional contido no Real Decreto Lei 5/2007, coñecido como a Lei de Emerxencias de Galicia. Esta lexislación creada durante o bipartito non se cumpriu nin sequera nese momento. Establece garantías como unha xubilación digna ou a posibilidade de exercer a segunda actividade.

-¿En que consisten estas figuras da Lei de Emerxencias?

-Verá, un bombeiro vive oito anos menos de media que unha persoa normal. Se os mariñeiros se xubilan aos 55, ¿por qué nós o facemos aos 67 e medio? No tocante á segunda actividade, trátase de que algúns compañeiros poidan realizar certas tarefas de baixo risco. Porque con 30 anos tes unha gran formación física, pero con 50 tes unha gran experiencia. Tentamos que se nos aplique un coeficiente redutor porque estamos moi expostos, só na provincia da Coruña diagnosticáronse seis casos de cancro.

-¿De que forma queren que se leve a cabo a muda da xestión?

-Non defendemos que se indemnice ás empresas, queremos que as concesións se vaian extinguindo. O que si defendemos é a contratación íntegra do persoal. No seu día xa pasamos unhas probas e algúns temos máis de once anos de experiencia, non se pode xogar co traballo de máis de 400 persoas, que ademais de quitar a praza nunha oposición, pasaron un período de formación que aínda seguen mantendo.

-Se o conseguen, ¿deteranse nas demandas expostas?

-A longo prazo buscamos a creación dun corpo de bombeiros autonómico, como os existentes en comunidades autónomas como Madrid, Cataluña ou o País Vasco. Buscamos unificar a multitude de grupos existentes.

moisés fernández santos membro da mesa intersindical de bombeiros de galicia