Feísmos e «bonitismos»

Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

12 feb 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

A nova Lei do Solo acaba de nacer co obxectivo de ordenar o territorio e, xa de paso, lograr un imposible: acabar co feísmo neste país. Cousa sinxela esa... Haberá que ver se finalmente se logra. Calquera diría que é o desexable, pero non se pode negar que esas casas a ladrillo, eses galpóns de bloques, eses muros feitos á machada nos que a pedra se mestura con refugallos e material de obra de todo tipo non ten o seu encanto. Forman paisaxes case que entrañables do imaxinario colectivo de Galicia. ¡La Voz ten nada menos que unha sección enteiriña dedicada a chapuzas galegas! Na que, por certo, hai exemplos máis que honrosos desta comarca.

¿Pode haber algo máis autóctono que unha casa con cada alto feito dun material distinto? ¿E ese somieres que serven de valado de hortas e fincas? ¿Hai algo máis enxebre? E as portas de ascensor para a entrada dun cuberto ou bañeiras e inodoros reconvertidos en macetas... A lista é interminable. É discutible falar diso coma de feísmo. E ademais este tipo de prácticas poñen de relevo a capacidade de inventiva e as posibilidades da reciclaxe elevadas ao seu máximo expoñente que se practican nesta terra. Somos quen de darlle valor a algo no que os demais non verán máis que un enxendro inútil.

Logo están esas moles de edificios, moito máis sofisticados, onde vai parar, que os máis iluminados e adiñeirados da redonda, coa conivencia das Administracións e coa coartada en moitas ocasións dunhas normas urbanísticas obsoletas, plantaron no medio do casco vello de calquera vila dando forma a un skyline que xa quixeran para si moita grandes capitais.