«A temática da muller chorando está completamente esgotada»

Antón parada

BARBANZA

O dúo musical ribeirense prepárase para lanzar o seu novo tema propio, Valeria

08 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro da listaxe de instrumentos musicais tradicionais galegos habería que engadir o máis representativo e á vez o máis esquecido. Ese ingrediente fundamental da nosa canción non podería ser outro que a retranca. O legado que nos chegou das inmortais regueifeiras non se circunscribe só ao pasado, ten cabida incluso no panorama actual do pop.

Que treman os grandes éxitos comerciais. Dúas damas sen síntoma algún de vergoña están a demostrar na Rede que nin Dolly Parton se salva do humor. Laura Teo Cruxeiras e Raquel Rodríguez Jallas (Ribeira, 1992) son máis coñecidas polos seus nomes artísticos, Laura Cruxeiras e Raquel Xallas. Xuntas conforman o dúo musical Panicanela, que a finais de xaneiro dedicáronse a roubar sorrisos mediante unha versión galeguizada dun videoclip do Hello de Adele. «Inspirámonos a partir de situacións cotiáns absurdas, de calquera mínimo xesto», explicou Raquel Xallas.

Estas mozas de 23 anos ata elixiron o nome da formación por un gracioso e doce malentendido que mantiñan dende cativas coa canción infantil de A la rueda, rueda, da que pensaron que o pan e a canela se trataba dunha muller.

En galego, por favor

«Todo o que fagamos vai ser en galego, é a herdanza que nos queda e a nosa identidade», explicou Laura Cruxeiras. Esta guitarrista de Deán sempre estivo vinculada á música a través de seu primo, compoñente de O Ollomol, que lle ensinou os primeiros acordes. Do mesmo xeito, Xallas, a pandereteira de Olveira que tamén flirtea co ukelele, integrou dende pequena a banda de música tradicional Tahúme. Despois de unir as dúas voces crearon temas como o Jolín que substitúe ao Jolene da musa do country.

Esta canción de Parton foi a primeira versión que realizou Panicanela, sempre en formato audiovisual por suposto. Ademais, o amor por Galicia non se reduce só ás líricas. En cada vídeo «metémoslle a nosa visión, a estética do galego», en palabras de Cruxeiras. Pois as paisaxes que capturan sempre se corresponden ás da comarca do Barbanza, con temáticas mariñas e naturais.

No seu préstamo de Adele o Que ló, así como no Jolín, afastáronse do concepto tópico do sufrimento amoroso feminino: «A temática da muller chorando está completamente esgotada», sentenciou a guitarrista. Así o contido do seu último traballo narra a angustiosa historia de dous amigos que están fóra durante toda a semana e se reúnen o sábado e o domingo para ir de viños.

Sen embargo, tamén teñen temas propios como Bicos de tornillo, que xurdiu dunha noite na terraza dun bar mentres viron como «todo o mundo estaba a darse amor» e creron necesario escribir posto que «diante dos pobres non está ben comer». Agora traballan en Valeria, a súa próxima creación propia que narrará «as actitudes erótico-festivas dunha muller».

2x1 en arte

Estas amigas coñecéronse na facultade de Belas Artes en Pontevedra: «Creo que nos afectou dunha forma positiva, temos unha visión máis aberta con referencias doutros artistas», confesou Xallas, que estuda un master de fotografía en Madrid. E de arrebatos artísticos Panicanela sabe un chisco, pois hai un tempo chegaron a sortear entre os seus fans unhas bragas novas «con brillantina rosa fabulosa» que marcharon con destino a Zamora. E por suposto, hai vídeo da recepción.

Donas da Rede: Para gozar da súa obra só hai que introducir Panicanela en Youtube ou en Facebook.

A outra faceta: O seu primeiro concerto abreu unha exposición fotográfica conxunta en Boiro. Actualmente, Xallas expón na pinacoteca viguesa Francisco Fernández del Riego