Os alcaldes do BNG avogan por abrir un diálogo sen renunciar ao nacionalismo

BARBANZA

Muíños e Blanco Riveiro comparten a idea de que é preciso buscar alianzas para as vindeiras eleccións autonómicas

21 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A comezos do ano, na súa visita a Rianxo para conmemorar o cabodano da morte de Castelao, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, apuntou á necesidade de «repensar o proxecto nacionalista» e de buscar alianzas entre as forzas de esquerda para lograr o que ten que ser un obxectivo prioritario: derrotar á dereita. Esta mensaxe reiterouna a pasada fin de semana na reunión do consello nacional abrindo un debate ao que non son alleos os tres rexedores do Bloque na bisbarra barbancesa, que se mostran favorables a unha apertura ao diálogo pero co nacionalismo como cuestión irrenunciable.

Ramón Noceda, mandatario de Carnota, foi o que máis remiso se mostrou a dar unha opinión ao respecto e limitouse a manifestar algo que considera imperativo: «Lealdade co país». Moito máis expresivo foi o rianxeiro Adolfo Muíños. Recoñece que o debate está aberto coa mirada posta nas eleccións autonómicas previstas para este ano e que posiblemente se dará en máis ocasións no futuro. Muíños non desbota a posibilidade de buscar acordos electorais, pero considera que deben ser puntuais e que a existencia dun partido que defenda os intereses do país é fundamental: «Eu si creo que, sexa o BNG ou sexa outra formación, é absolutamente necesario que haxa unha forza nacionalista que só teña o foco de decisión en Galiza porque doutro xeito xorden tensións se se dan intereses enfrontados».

Ter as mans libres

O alcalde rianxeiro pon como exemplo a situación do cerco, xa que o reparto de cotas polo que protestan os armadores e mariñeiros galegos beneficia aos doutras comunidades. En situacións coma esta defende que haxa un partido «sen máis compromisos que coa propia terra. Independentemente de que logo haxa confluencia con outras forzas noutras cuestións de carácter económico e social, ten que haber unha defensa irrenunciable dos intereses do país que esixe ter as mans libres».

Ademais do sinalado, Adolfo Muíños tamén recoñece que é necesario «escoller a mellor opción» para conseguir os mellores resultados posibles na cita coas urnas, pero fala de «alianzas concretas» que non impliquen a desaparición da formación nacionalista: «Debe seguir habendo vida como partido ao servizo de Galiza».

Pola súa parte, o rexedor de Mazaricos, Juan José Blanco Riveiro, defende que o BNG «tense que refundar para volver a ser o BNG forte que foi». Avoga tamén por buscar unha fórmula que permita unir as distintas sensibilidades porque «se os obxectivos son os mesmos, non podemos dividirnos». Asume que ese proceso require «un traballo duro», polo que anima a facer propósito de emenda porque «algo estamos facendo mal», e engade: «Ten que haber un diálogo interno, e tamén entre todas as forzas para chegar a un acordo».