Arousa Norte incidirá en Fitur na importancia dos anfitrións e da riqueza da ría

ribeira / la voz

BARBANZA

Os catro alcaldes participarán nun acto promocional o xoves

18 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O mércores arrancará en Madrid a Feira Internacional de Turismo (Fitur) e, como ocorreu nos últimos anos, Arousa Norte estará presente, ocupando un espazo no gran expositor co que Turgalicia amosará os atractivos da comunidade. De novo, tal e como fixo na pasada edición dunha das citas máis importantes do sector a nivel mundial, a mancomunidade poñerá o acento nos anfitrións, é dicir, os veciños da comarca, e na riqueza que agocha a ría.

Está previsto que os catro alcaldes de Barbanza participen o xoves, ás 18.00 horas, nun acto promocional, no que tamén está confirmada a presenza da directora xeral de Turismo. Alí proxectarase o vídeo Alma do mar, un traballo realizado por Pablo Chouza, no que se recompilan testemuñas de catorce veciños da comarca, boa parte delas relacionadas co mar. Outro dos eixos desta cinta é a biodiversidade da vida mariña na ría arousá e o desenvolvemento económico e social que se xera ao seu redor.

O vídeo está interpretado en lingua de signos, un feito co que Arousa Norte quere amosarse de novo como destino accesible. De feito, a mancomunidade convidou ao acto promocional á presidenta da confederación nacional de persoas xordas, que aínda non confirmou a súa presenza.