«Parece que na Consellería do Mar están xogando a fundir a flota»

BARBANZA

A pesar de levar tres meses amarrado, o sector do cerco sonense mantén o seu propósito de non dar o brazo a torcer

17 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre reunión e reunión da Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (Acerga), a entidade que aglutina á maior parte da flota galega, Iván Carreño Otero, patrón maior de Portosín, saca un oco para falar do conflito que mantén os barcos amarrados en porto e aos mariñeiros e armadores acampados en San Caetano. Nos dez meses que leva no cargo, a batalla por conseguir un reparto máis xusto da cota foi unha constante e, asegura, a loita manterase mentres non consigan o obxectivo. Moi crítico coa actuación da Consellería do Mar en todo este asunto, di que a solución ao problema é máis sinxela do que a pintan e afirma que as políticas que se están a impulsar desde a Xunta abocan ao sector «á ruína».

-Na asemblea celebrada o venres o sector mostrouse favorable a aceptar a proposta de fixar unha cota mínima para os barcos, ¿abre isto o camiño ao final das protestas?

-Non o creo, penso que seguiremos coas protestas porque esa proposta non é a solución e ademais aínda non se aceptou, quedamos en estudalo e debatelo nunha asemblea. Mentres non se consegue nada teremos que aceptalo, pero con unhas condicións que poñeremos nós, non nos vale ese apaño para sempre.

-Dicía o outro día o presidente de Acerga que esa proposta era un caramelo envelenado.

-Si, fan outra vez o mesmo, dannos ese pouquiño a ver se cedemos porque estamos moi apertados, levamos moitos meses parados. Pero a xente do mar aínda somos duros, e cada día que nos vemos obrigados a pasar en terra imos aprendendo máis sobre como funcionan as cousas e non imos rendernos, seguiremos loitando. Veremos que pasa, pero hai alcaldes que nos van acompañar a Santiago e xente que nos apoia, non é moi lóxico que sexamos nós os que abandonemos e volvamos ao mar. Temos que manternos unidos, e a idea é seguir loitando ata que se consiga algo.

-Despois de tanto tempo amarrados e de dous anos batallando contra o actual reparto de cotas, ¿que esperanzas teñen en conseguir algo?

-Desde a Xunta non nos fan caso, pero imos seguir loitando. Moito ou pouco algo estase conseguindo e isto tense que arranxar si ou si. Rosa Quintana non se quere mover porque, se se fai un reparto por tripulante, Galicia perdería quilos, pero a proposta plantexada desde a Federación Galega de Confrarías non é esa, non se perderían quilos, pero non lles valeu.

-¿Cal é a alternativa que defenden os barcos amarrados?

-O ideal sería meter todo o xurelo que veña para Galicia no mesmo saco e que sexa a Xunta a que o xestione establecendo un tope de quilos semanais variable en función de como vaian as reservas, pero co mesmo reparto para toda a flota. O que non pode ser é que haxa barcos a morrer porque só poden coller 10.000 ou 20.000 quilos mentres outros poden coller 200.000. Pero á conselleira non lle interesou esta alternativa, non sei que interese ten, parece que o que quere é arruinar aos barcos.

-Esa é unha crítica moi dura.

-O que queren é acabar coa flota por todos os medios, co reparto de cotas do cerco, coa lei de acuicultura ou co plan de artes varias. Queren arruinar a pesca, non lles interesa. Parece que están xogando a fundir a flota.

-¿Como está a vivir o conflito a flota sonense? ¿Cantas persoas están afectadas polo paro?

-Directamente son arredor dunhas duascentas persoas, pero isto aféctanos a todos, non só ao cerco, porque se eu estou parado e non gaño nada, non vou ir mercar ao pouco comercio que hai no Son nin a Noia. Isto non é só problema duns barcos, hai tamén mariñeiros mozos que están marchando para buscarse a vida.

-¿E como andan de moral os que quedan?

-Aquí xa non hai ánimo, ves á xente pola rúa coa cabeza baixa, están cansos, están subido a durmir a San Caetano, o outro día encerráronse no concello... E por riba están gastando cartos en ir a Santiago a protestar e nos barcos. Nas embarcacións amarradas tanto tempo, as cousas rompen, aínda que fagas labores de mantemento, cando vas arrancar despois de tres meses en terra vai dar problemas. Ademais, se non traballas, non gañas un xornal para dedicalo ao mantemento do barco e tes outros gastos que atender máis prioritarios. As empresas estamos axudando a moitos mariñeiros que piden axuda porque non teñen para manter ás súas familias, e a confraría tamén.